CRTVG

Buscar

Confiscan case 5.000 quilos de xurelo no porto de Ribeira

Publicado o 03/06/2020 14:20
Confiscan case 5.000 quilos de xurelo no porto de Ribeira

A Garda Civil aprehendeu 4.293 kg de xurelo no porto de Ribeira, valorados en preto de 25.000 euros.

Segundo informa o corpo policial, axentes que realizaban o servizo de vixilancia e control do recinto portuario observaron sobre o peirao un palé con 43 caixas sen identificación que ía ser trasladado aos almacéns dunha empresa situada no porto.

Nese almacén localizaron máis palés sen identificar, polo que lle solicitaron ao xerente da empresa que acreditara a trazabilidade e a pesaxe da mercadoría. Este aludiu a un erro dun empregado e non puido xustificar a procedencia nin a  trazabilidade do peixe, que acabou sendo entregado a un centro benéfico.

O Servizo Marítimo denunciou esta emprea por infrinxir a Lei de pesca de Galicia.