CRTVG

Buscar

Confirmado en Vigo o segundo caso de coronavirus en Galicia

Publicado o 05/03/2020 19:09

• A muller de 47 anos está asintomática | A súa parella, con posible foco de contaxio en Madrid, padece pneumonía. Está pendente dunha segunda proba para confirmar que ten coronavirus | Os dous están en cuartos illados no Álvaro Cunqueiro | Conferencia de prensa íntegra

Segundo caso de coronavirus en Galicia. A paciente é unha muller de 47 anos que está ingresada en réxime de illamento no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Este segundo caso, igual que o primeiro, volve ser importado.  A muller, é residente na área de Vigo. Puido contraer o virus a través da súa parella que viaxou a Madrid.  Os dous están ingresados no Álvaro Cunqueiro en réxime de illamento. A paciente, de 47 está, polo momento,  asintomática. O seu home, que estivo en Madrid, está ingresado por pneumonía. As primeiras analíticas practicada neste hospital deron positivo por coronavirus, pero quen marca se hai ou non infección é o Centro Nacional de Epidemioloxía, e os resultado nese centro non foron concluíntes por iso estanse repetindo esas analíticas, segundo confirmou a Consellería de Sanidade. Que tamén avanzou que todos os contactos tanto persoais como co persoal sanitario xa están identificados e en seguimento.

O segundo positivo por coronavirus en Galicia é unha muller de 47 anos residente na área de Vigo. E, igual que o primeiro, volve ser importado. O vínculo epidemiolóxico é a súa parella que estivo en Madrid. Pero o home, que ten pneumonía, aínda non está confirmado. Os dous están ingresados en illamento.

" A paciente ten vínculo epidemiolóxico, é parella doutro paciente que dou positivo no hospital de Vigo pero que non foi confirmado como tal polo laboratorio do Centro Nacional de Epidemioloxía. E ese segundo pacente ten pneumonía e está ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro. Ámbolos dous pacientes están en réxime de illamento", di Víctor Del Campo, xefe de servizo de Medicina Preventiva do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O Centro Nacional de Epidemioloxía de Madrid deu positivo por coronavirus no caso da muller, pero non obtivo resultados concluíntes no marido, por iso están repetindo as do home.

"Todo o que en Galicia é dubidoso ou positivo débese remitir ao Centro Nacional e alí é onde dan o resultado definitivo para dicir se é positivo. Están repetindo neste momento en Madrid a proba", asegura Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.

Sanidade confirmou que os contactos da parella, tanto persoais como con profesionais sanitarios, están identificados e en fase de seguimento. Desde a consellería fan un chamamento á tranquilidade, recordan, que, polo momento, os casos diagnosticados en Galicia son importados.

 

A Coruña rexistrou o primeiro caso

O primeiro positivo é un caso importado, é dicir, que non se contaxiou en Galicia. É un home que veu de Madrid para unha entrevista de traballo. Permanece aquí illado no CHUAC e está estable. As persoas coas que compartiu coche están localizadas e fáiselles un seguimento diario, o mesmo que ao resto das que puideron ter contacto con el na súa estadía en Galicia.

Galicia activou o protocolo de actuación. Ao tratarse dun contaxio importado, que vén de Madrid, o Sergas traballa nunha primeira fase de contención. 

Xurxo Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía do Sergas: "Iso significa que aquí non hai circulación do virus a nivel comunitario. Non sería de estrañar, e vai suceder, que aparezan máis casos. O importante aquí é que non sexan de transmisión comunitaria en Galicia, senón infeccións de fóra".

Sanidade fai un chamamento á tranquilidade. Di que os hospitais galegos están preparados e que seguen os protocolos pechados co Ministerio de Sanidade e o resto das comunidades autónomas. Levan 160 probas, con resultado negativo. A partir do luns incorporan máquinas ao proceso de detección do virus. Xurxo Hervada, subdirector xeral de Epidemioloxía do Sergas: "Acurta o tempo. Báixao de tres, catro horas a pouco máis dunha hora. E segundo, a automatización asegura que a posibilidade de erro é moito menor".

Para calquera dúbida seguen abertas dúas liñas telefónicas: o 900 400 116 e o 061 no caso de que se aprecien síntomas.

A Xunta destina dous millóns para reforzar os equipos contra o virus

Alberto Núñez Feijóo asegura que o Sergas traballa dende o primeiro minuto para estar preparado fronte ao coronavirus, primeiro en persoal, con 60 profesionais que están recollendo mostras ou facendo probas. E agora reforzando material. Compraron novos equipos de ventilación para as urxencias, ventiladores volumétricos para as unidades de críticos, ventiladores para o traslado de doentes dos hospitais comarcais aos de referencia, equipos portátiles de raios X para pacientes illados e máscaras.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Son 70 equipos para hospitais e ambulancias, cun custe de dous millóns de euros, que xa chegaron a destino ou están a piques de ser recibidos co obxectivo de estar preparados para a mellor atención e reducir as posibilidades de contaxio este virus".