CRTVG

Buscar

Confinadas dúas localidades de Valladolid, mentres crecen os positivos en boa parte de España

Publicado o 03/08/2020 10:13

Os 9.500 habitantes de Íscar e Pedrajas, en Valladolid, só poden saír desde este domingo das súas localidades por motivos xustificados.

Tamén están suspendidas as visitas ás residencias de anciáns; e as reunións, limitadas a dez persoas.

As autoridades de Castela e León queren frear a expansión do brote, ao parecer orixinado nunha comida de compañeiros de traballo, que causou ata o momento 53 positivos.

Tamén preocupa a situación en Aragón. Ten arredor de 90 gromos activos, case a metade en residencias de maiores.

Nesta de Burbáguena, en Teruel, contaxiáronse 63 anciáns e once traballadores. Xa houbo catro falecementos e 15 dos infectados están no hospital.

Nesoutra de Chimillas, en Huesca, morreu un ancián e hai 53 máis infectados, ademais de dez empregados. Veciños da localidade mostrábanlles así o seu apoio.

Cataluña notificou 1.444 contaxios desde onte. Andalucía descubriu outros nove brotes, xa teñen 71; e Madrid detectou tres máis. En total levan 22.

Murcia tamén sumou 83 positivos novos e Euskadi 199, parte deles consecuencia do brote nunha discoteca de Bilbao, que deu xa 27 infectados, e seguen facendo probas.
 

Noticias web

03/08/2020