CRTVG

Buscar

A clase da princesa Leonor deberá gardar corentena tras dar positivo unha compañeira

Publicado o 11/09/2020 21:19
A clase da princesa Leonor deberá gardar corentena tras dar positivo unha compañeira

A clase de cuarto curso da ESO á que asiste a princesa Leonor no colexio Santa María de los Rosales de Madrid foi confinada tras confirmarse un positivo por covid-19 entre os alumnos. Deste xeito, nin a princesa de Asturias nin a súa irmá Sofía acudirán ao centro nos próximos 14 días, segundo confirmou A Zarzuela.

Unha compañeira da princesa de Asturias na clase deste colexio situado no madrileño distrito de Aravaca deu positivo por transmisión familiar, en concreto, dos seus pais, segundo adiantou Telemadrid.

Tras confirmarse este positivo puxéronse en marcha os protocolos sanitarios habituais e desde o centro instouse aos pais dos alumnos desta clase a non regresar ao centro ata que pasen 14 días.

Seguindo estas recomendacións e, a expensas do que determinen as autoridades sanitarias da Comunidade de Madrid, desde a casa real indicaron que a princesa de Asturias, do mesmo xeito que os Reis e a infanta Sofía, seguirán estas indicacións e non acudirán ao centro nos próximos 14 días. Ademais, a princesa Leonor será sometida a unha proba PCR. Os Reis continuarán coa súa actividade institucional. 

O mércores pasado a princesa Leonor acudiu por primeira vez neste curso escolar e este venres fíxoo por primeira vez acompañada da súa irmá Sofía. As autoridades do centro estableceron un protocolo sanitario pola covid-19 que inclúe, entre outras medidas, a toma de temperatura á entrada ás instalacións.

 

Noticias web

11/09/2020