CRTVG

Buscar

O comité de Alu Ibérica logra desbloquear a mesa industrial tras un peche de dez horas

Publicado o 04/06/2020 09:34

A ducia de representantes dos traballadores que se pechou onte no Concello da Coruña logrou o seu obxectivo de forzar a xuntanza da mesa sectorial de Industria para dar solución ao futuro da empresa. Mañá mesmo reuniranse con representantes do Ministerio de Industria para preparar a xuntanza sectorial, que terá lugar o vindeiro martes, 9 de xuño e na que participarán representantes dos traballadores, tanto da factoría de Avilés como da Coruña, a empresa, a Xunta de Galicia, o Principado de Asturias e o Ministerio de Industria.

Os traballadores pecháronse onte ao mediodía no pazo municipal de María Pita e recabaron o apoio da alcaldesa da cidade, Inés Rey, que lles ofreceu a súa implicación e realizou xestións ao longo da xornada para axendar esa xuntanza.

Finalmente, preto das 11 da noite, os membros do comité abandonaron o concello con este compromiso acadado. 

O comité agarda agora que se poña en marcha o plan comprometido hai meses para garantir o mantemento de todos os postos de traballo, nun momento de incerteza, menos dun ano despois da venda de Alcoa a Parter e tras a revenda, en marzo, ao Grupo Riesgo.

Noticias web

04/06/2020