CRTVG

Buscar

Reabre con cautela e con limitacións graduais a hostalaría galega

Publicado o 04/12/2020 16:38

• Consulta as condicións do inicio da desescalada no DOG

• O sector espera que "non volvamos ser castigados" nesta crise

O tempo non acompañou a ansiada reapertura hoxe da hostalería en boa parte de Galicia. En concellos como Pontevedra só se pode consumir en terraza, e nos que menos restricións teñen, como Santiago e Ourense, a chuvia e o frío fixeron que se aproveitara ben a ocupación do cincuenta por cento en interiores.

Volveron o son da cafeteira, o café en cunca de louza, a ollada ao xornal e as conversas no bar. Son actos cotiáns que estaban vedados dende hai un mes en boa parte de Galicia, e estrañábanse.

E se o estrañaban os clientes, máis aínda os hostaleiros."Hoxe coma se fose o primeiro día de colexio, moita ilusión, moi contentos, e a clientela tamén o agradece porque tamén o necesitaba", di Rubén Santos, hostaleiro. "Poder consumir no interior alívianos moito", engade.

Son os máis afortunados, porque volven ao traballo coas restricións máis lixeiras. Compostela e Ourense xa non teñen peche perimetral, poden xuntar grupos de ata seis persoas non conviventes, e traballar no interior e na terraza, aínda que esta ponte o tempo non vai acompañar moito para iso.

"Tentar salvar un pouco, pero co frío e a chuvia non vai acompañar terraza, a ver se dá para os gastos", di Javier Cao, hostaleiro.

Con esa idea incorpóranse hoxe ao traballo os hostaleiros nas principais cidades galegas, malia que en Pontevedra, Vigo, Lugo e Ferrol teñen máis limitacións e só poderán abrir ata as cinco da tarde.

 

Noticias web

04/12/2020