CRTVG

Buscar

As axudas para comprar coche, efectivas desde hoxe

Publicado o 16/06/2020 09:16

• Medra a demanda nos concesarios 

• Canto máis eficiente sexa o vehículo, máis incentivos recibirá

• Greenpeace protesta contra o plan de axudas do Goberno

Hoxe ponse en marcha o novo plan de impulso ao sector do automóbil en España, dotado con 3.750 millóns de euros.

As novas axudas para a compra de vehículos, efectivas desde hoxe nos concesionarios, contan con 550 millóns de euros para incentivar a renovación do parque de vehículos, tanto particulares como das administracións.

Para poder acceder á axuda (de entre 800 e 5.400 euros) hai que entregar o vehículo vello, que debe ter máis de dez anos. O novo vehículo non debe ter un prezo superior aos 35.000 euros.

Desde o sector dos concesionarios reciben con esperanza este paquete de axudas. "Este é o mellor momento para comprar un vehículo", asegura Xosé Ramón Ferreiro, director xeral do Grupo Breogán e membro de Faconauto.

Ferreiro agarda que este pulo ao sector sirva para dinamizar as vendas, recuperar o emprego nos concesionarios, onde "a metade dos traballadores seguen afectados por ERTE, nun sector co 90 % do emprego fixo", e para renovar o parque de vehículos, "que en Galicia está moi envellecido, cun 20 % do parque cunha antigüidade maior de 10 anos". Neste sentido, destaca que as axudas serán maiores canto máis eficientes sexan os vehículos.

As empresas, defende Ferreiro, tamén están incentivando pola súa banda as compras, complementando as axudas dispostas polo Goberno con descontos ofrecidos polos propios concesionarios ou fabricantes.

A caída de vendas foi ata dun 80 por cento porque este foi "un dos sectores que máis sufriu coa pandemia". Pon como exemplo que "en todo o mes de abril vendéronse os coches que se vendían antes nun só día".

O principal paquete económico do Plan do Goberno destina 2.690 millóns de euros ao impulso da competititividade, con axudas da liña ICO e para a flexibilización de préstamos ás empresas.

Destínanse outros 450 millóns a proxectos de innovación na industria do automóbil e 95 millóns á mellora da cualificación profesional.

Con este plan o Goberno quere relanzar un sector de gran peso na economía española, que supón o 10 por cento do Produto Interior Bruto e que emprega 2,5 millóns de persoas.

 

 

Noticias web

16/06/2020