CRTVG

Buscar

Máis de 20.000 empregos nas auxiliares, no aire pola parada en PSA sen data de volta

Publicado o 27/04/2020 09:48

A decisión de PSA de aprazar a volta á actividade nas súas factorías en Europa non só incide nos 7.400 traballadores da multinacional en Vigo afectados por un ERTE, senón tamén na maioría das 130 empresas auxiliares do sector da automoción que traballan maioritariamente para a planta de Vigo. Son máis de 20.000 empregos en Galicia os que están agora mesmo no aire, á expectativa das decisións que vaia tomar o grupo francés.

Ao contrario que outras multinacionais da automoción, PSA decidiu finalmente non retomar a actividade hoxe e anunnciou que non o fará ata que se retome a actividade comercial para que poida haber vendas.

Con todo, en CCOO, o responsable de Industria, Pedro Comesaña, resume a situación: "Todo o que traballa para PSA está paralizado e á expectativa do que faga o grupo", porque "isto é unha engrenaxe". E advirte que "a previsión é que a volta sexa escalonada" porque "entendemos que o mercado se vai estancar". 

Polo de agora, PSA xa cancelou a creación dunha cuarta quenda de traballo anunciada antes da pandemia de coronavirus. Tiña previsto poñer a funcionar nas fins de semana unha nova quenda a partir de maio, que crearía 600 novos empregos.

Respecto das auxiliares, Comesaña explica que "algunhas das empresas do sector non traballan en exclusiva para PSA e poden traballar de novo, pero sen dúbida a un ritmo moito menor do que é habitual". Segundo explica, a representación dos traballadores está agora centrada na posta en marcha dos protocolos de seguridade para que a volta ao traballo se realice en máximas condicións de seguridade.

Noticias web

27/04/2020