CRTVG

Buscar

Coñecidos do acusado din que o comportamento que tiña con Ana Enjamio era "obsesivo"

Publicado o 11/12/2019 14:31

Por terceiro día consecutivo, César Adrio, o presunto asasino de Ana Enjamio, chegaba aos xulgados vigueses onde se celebra o xuízo por este crime machista. Hoxe a nai da vítima prestou declaración. Dixo que descoñecía a relación que a súa filla mantiña co acusado, pero que meses antes da súa morte a notara nerviosa e agoniada.

Nesta xornada está prevista a declaración de máis de quince testemuñas, entre elas, policías que levaron o caso, pero as primeiras en testificar foron persoas próximas ao acusado. Un dos seus amigos definiu de obsesivo o seu comportamento con Ana a pesar de que a moza non quería volver con el. Relatou que constantemente estaba pendente do seu WhatsApp, que a seguía e que lle aconsellou deixar unha relación que podía traerlle problemas.

Outra compañeira de traballo e amiga persoal do acusado definiu como tóxica a relación que mantiña coa vítima, pero manifestou que Ana non parecía querer deixala. A Fiscalía fixo constar na vista contradicións entre estas declaracións e as que esta muller fixera en comisaría nas que asegurara que Adrio importunaba a Ana Enjamio. A mesma testemuña, que declarou non manter unha boa relacion persoal coa vítima, confirmou que Adrio mandaba fotos subidas de ton a Samuel, o ex-noivo da falecida, para afastalo dela.

Moi relevante foi a declaración doutro compañeiro de empresa que admitiu na vista que lle explicara a Céser Adrio como instalar unha aplicacion no teléfono para saber se os dous falaban por WhatsApp.

A ex-muller do acusado explicou que o día despois do crime Adrio se presentou moi cedo no seu domincilio de Vilagarcía coa escusa de ver os fillos. Un comportamento que lle pareceu estraño. Nunca o fixera e, polo acordo de divorcio que manteñen, ten que avisala con 24 hora de antelación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/12/2019