CRTVG

Buscar

Condenan a quince anos e medio de cárcere o acusado do crime de Padre Rubinos

Publicado o 22/10/2019 14:58
Condenan a quince anos e medio de cárcere o acusado do crime de Padre Rubinos

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a quince anos e medio de cárcere e a sete anos de liberdade vixiada o home que asasinou outro na Institución Benéfico Social Padre Rubinos o 8 de xaneiro de 2018. A pena imposta é a mesma que no primeiro xuízo, que o TSXG declarou nulo e ordenou repetir ao aceptar o recurso da defensa, que sostivo que o condenado sufriu "indefensión" ao non ser sometido a un exame psiquiátrico por parte dun profesional do Sergas.

O maxistrado presidente do Tribunal, á hora de redactar a sentenza, tivo en conta a atenuante simple de alteración psíquica, pero rexeitou, tal e como demandaba a defensa, que o acusado tivese totalmente anuladas as capacidades  volitivas e intelectivas cando cometeu os feitos.

"Acredítase unicamente un trastorno da personalidade asociado cun consumo crónico de bebidas alcohólicas e outras substancias de abuso que lle produciría unha limitación das facultades sen anulación", indica.

A Audiencia sinala na resolución que, "sen motivo aparente", o sospeitoso apuñalou por sorpresa a vítima no peito cunha arma branca que ocultaba entre as súas roupas.

"Actuou por sorpresa, porque tras a breve conversación coa vítima fixo simulacro de abandonar o lugar, mantendo unha aparencia de absoluta normalidade, pero virou con rapidez, ao mesmo tempo que sacou a arma e lla cravou", sinala, ao tempo que destaca que a vítima "non esperaba o ataque e non tivo oportunidade de defenderse". A Audiencia insiste en que o ataque se produciu "de forma rápida, imprevista e eficaz, limitando calquera posibilidade de defensa".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí