CRTVG

Buscar

Condenan a dous anos de prisión un médico de Pontevedra por abusar de tres pacientes

Publicado o 18/02/2020 14:15

En Pontevedra hoxe estaba previsto xulgar un médico do Sergas por abusar de tres pacientes. Enfrontábase a trece anos de cadea, pero ao final houbo acordo.

O médico traballaba no servizo de rehabilitación do hospital Montecelo de Pontevedra cando sucederon os feitos, nos anos 2014 e 2015. As tres mulleres sufriron tocamentos nas súas partes íntimas que nada tiñan que ver coas exploracións que tería que facer para tratar as súas doenzas, pediron cambio de médico e o Sergas abriu unha investigación.

A Fiscalía pedía para o home 13 anos de cadea e 6 de inhabilitación profesional, pero o acusado recoñeceu os feitos e as partes chegaron a un acordo, polo que a condena queda finalmente en 2 anos de prisión, 2 de inhabilitación profesional, 3 de liberdade vixiada e outros 3 de prohibición de achegarse ás vítimas, ademais das indemnizacións correspondentes, que xa foron aboadas, e que suman un total de 12.000 euros.

"Aquí o que preservamos primordialmente foi o interese das vítimas ao non ter que pasar polo xuízo, tendo en conta que xa pasaron dabondo", explicou Juan Carlos Aladro, fiscal xefe de Pontevedra.

 

Noticias web

18/02/2020