CRTVG

Buscar

Condenan a 20 anos o home que secuestrou e violou unha moza en Ourense

Publicado o 22/10/2019 17:12
Condenan a 20 anos o home que secuestrou e violou unha moza en Ourense

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a vinte anos de cárcere un home por secuestrar durante 19 días unha muller, agredila sexualmente, golpeala e sometela, con violencia e intimidación, a un trato degradante con continuas humillacións e vexacións.

O sospeitoso foi condenado como autor de delitos de detención ilegal, agresión sexual continuada e contra a integridade moral. Os maxistrados tamén lles impuxeron dous anos e medio de cárcere ao pai e a nai do acusado, así como os seus tres irmáns, como cómplices dun delito de detención ilegal porque axudaron a reter a vítima na vivenda familiar.

Ademais dos golpes que lle propinou, o tribunal relata na sentenza que o procesado "obrigouna a beber alcol, a consumir substancias estupefacientes, a inxerir os seus propios vómitos, a cortar o pelo e a bañarse cunha mangueira de auga fría". O condenado, ademais, non lle permitiu comer "en diversos días" porque lle dicía que estaba "grosa".

"O agresor, coa complicidade dos seus pais e irmáns, atentou contra a liberdade, dignidade e indemnidade sexual da vítima, á que privou ilicitamente da súa liberdade durante 19 días", recalcan os xuíces, os cales salientan que "a fixo obxecto, de maneira violenta, de reiteradas agresións sexuais e de plurais actos vexatorios". Con esa privación de liberdade, segundo a Audiencia, pretendía "saciar o seu desexo sexual, obter cartos da conta bancaria da moza a través dos caixeiros aos que a conducían e forzala a acompañalos a pedir esmolas e a roubar en casas".

O testemuño da vítima, segundo o tribunal, é "claro, reiterado, concluínte e digno de crédito" e, ademais, está "corroborado polas probas documentais, periciais e testificais practicadas". O condenado tamén foi sentenciado á prohibición de comunicarse e aproximarse a afectada durante 23 anos e ao pagamento dunha indemnización de 8.855 euros polos prexuízos persoais e as secuelas e de 12.000 euros polo dano moral que lle causou.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí