CRTVG

Buscar

Condenado a 12 anos de cárcere o acusado de atracar unha gasolineira e dispararlle a un empregado en Ribeira

Publicado o 22/07/2020 17:57
Condenado a 12 anos de cárcere o acusado de atracar unha gasolineira e dispararlle a un empregado en Ribeira

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou a doce anos e dous meses de cárcere un dos dous sospeitosos de atracar unha gasolineira situada na AC-550, no termo municipal de Ribeira, en xaneiro de 2019.

Os xuíces absolveron o outro acusado porque aseguran que non quedou probada a súa participación nos feitos.

O tribunal considera acreditado que o condenado lle disparou nunha perna ao empregado da estación de servizo á que se desprazou nunha motocicleta que subtraeu previamente dunha vivenda.

Á vítima do disparo, que tiña 22 anos, quedaronlle graves secuelas, polas que o procesado deberá aboar unha indemnización de 82.000 euros, segundo a decisión do tribunal.

Os maxistrados considerárono culpable dun delito de roubo con forza en casa habitada e doutro de roubo con violencia, coa agravante de disfrace, así como dun delito de lesións con deformidade, coa agravante de aleivosía, e doutro de tenza ilícita de armas, coa concorrencia da atenuante de drogadicción.

"O uso da arma de fogo por parte do acusado de forma sorpresiva cando a vítima se achaba en fronte del, sen posibilidade de defensa é, sen dúbida, un ataque aleivoso, non só polo inesperado e imprevisible da agresión, senón tamén pola propia forma de executala, eliminando todo risco de reacción defensiva por parte da vítima", subliña a Audiencia na sentenza.