CRTVG

Buscar

Os positivos en Melide soben a 19, e en Arzúa hai oito casos vinculados a unha peregrina

Publicado o 20/08/2020 20:25

• Detectan un gromo con oito casos en Arzúa e outro en Lalín, con seis

• A Coruña supera o milleiro de casos e continúa o cribado de xente nova


 

Os dous gromos de coronavirus detectados no municipio coruñés de Melide ascenderon este xoves a 19 casos positivos, tras contabilizarse dous máis ca onte pertencentes ao foco de mozos, segundo informa o Sergas.

Ademais, o gromo de Melide vinculado a un núcleo familiar permanece "estable", con tres positivos.

A área Sanitaria de Santiago e A Barbanza realizou entre onte e hoxe un cribado masivo, ao que estaban citados preto de 1.000 mozos, de entre 18 e 30 anos.

En concreto, 478 mozos sometéronse onte ás probas PCR, e hoxe estaban chamados a facelo máis de 200.

O obxectivo do estudo é conter o gromo detectado nun primeiro momento con 4 mozos. O cribado masivo pretende detectar posibles casos asintomáticos de coronavirus, e evitar así a transmisión comunitaria.

A suba de contaxios levaba varios días freando, pero volveu repuntar. A área sanitaria da Coruña superou o milleiro de casos activos da covid-19. Tamén se están facendo máis probas. Na comarca coruñesa continúa o cribado de grupos máis expostos e na cidade o da poboación de entre 18 e 40 anos na busca de asintomáticos.

Nas últimas horas faleceu con covid-19 un home de 90 anos no CHUAC. E estabilízase o gromo na residencia Orpea de Culleredo, con 15 casos, 11 usuarios e catro traballadores.

Detectan un gromo con oito casos en Arzúa e outro en Lalín, con seis

Na área sanitaria de Santiago detectouse un gromo familiar en Lalín que, en principio, afecta seis persoas e outro en Arzúa, con oito positivos. En Melide soben a 19 os casos activos. Detectáronse dous máis relacionados co gromo entre xente nova grazas ao cribado nos mozos de 18 a 30 anos.

A área sanitaria de Ferrol segue a ser a menos afectada de Galicia. Ten 77 casos activos, tras sumar outros oito nas últimas vinte e catro horas.