CRTVG

Buscar

Concentracións en Galicia en repulsa polo crime machista de Lugo

Publicado o 10/02/2020 21:22

Galicia acolleu este luns numerosas concentracións de repulsa polo último crime machista, que se cometeu en Lugo. Clara Expósito, de 49 anos, faleceu acoitelada. Foi súa nai quen a atopou tirada no cuarto de baño. A parella da vítima, o suposto autor da morte, pasará este martes a disposición xudicial. O concello de Lugo decretou tres días de loito. Mil corenta e tres mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas dende que hai rexistros desta clase de crimes.

Tamén no Parlamento de Galicia e na sede da Xunta se convocaron concentracións en repulsa polo crime machista de Lugo. Representantes dos grupos políticos, traballadores e cargos públicos quixeron sumarse ás mostras de condena pola morte de Clara María Expósito para protestar polo flaxelo da violencia contra as mulleres, que causaba dúas novas vítimas nos últimos días. Arestora hai concentracións convocadas en numerosas vilas e cidades galegas.

Este martes pasa a disposición xudicial o presunto autor do asasinato

Bandeiras a media hasta no concello de Lugo e tres días de loito oficial. A corporación e numerosos veciños da cidade e tamén da provincia expresaron a súa repulsa polo crime machista que custou a vida a Clara María Expósito. O presunto autor do asasinato, Francisco Javier Belda, permanece nos calabozos da policía nacional á espera de pasar mañá a disposición xudicial no xulgado número 2 de Lugo. Evítase así esgotar o prazo legal de 72 horas de detención.

"É un novo caso, e o Goberno e o resto de administracións temos que concienciarnos en loitar contra este azoute que nos toca vivir".

O caso permanece baixo segredo de sumario, á espera de rematar as dilixencias que leven a esclarecer as circunstancias en que se produciu o crime, tales como a hora da morte, a arma empregada e o tipo de feridas que causaron o falecemento de Clara María. A Policía científica está a analizar todos os elementos recollidos no lugar dos feitos.

"A única hipótese que se desbotou dende o primeiro momento foi a do roubo no domicilio. O resto delas, seguen abertas, e estamos a espera de avances".

O presunto autor do crime machista, de 46 anos, é un vello coñecido das forzas de seguridade. Xa foi detido en diferentes ocasións por delitos contra a seguridade viaria. A vítima foi enterrada onte pola tarde. Crese que o crime se produciu o xoves ao serán.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2020