CRTVG

Buscar

Moreno ofrece diálogo con protestas feministas ás portas do Parlamento andaluz

Publicado o 16/01/2019 00:35

Na primeira sesión do debate de investidura, Moreno Bonilla prometeu un goberno intransixente coa corrupción e centrado na creación de emprego. Anunciou a eliminación do imposto de sucesións e defendeu o seu compromiso para erradicar a violencia de xénero, unha eiva que pediu sacar do debate político. Juanma Moreno ofreceu diálogo.

Juan Manuel Moreno Bonilla, candidato á presidencia da Junta de Andalucía: "Un goberno de cambio obríganos a entendernos, a falar entre todos, a facer do diálogo o sangue novo de Andalucía. Fomentar a crispación e a división social, á parte dunha grave irresponsabilidade, vai en contra dos principios de concordia da Constitución e do Estatuto de Autonomía".

PSOE e Adelante Andalucía din que foi un discurso sen novas medidas, mentres que Ciudadanos e VOX destacan a oferta de diálogo.

Francisco Serrano, VOX: "Eu creo que é un discurso aberto ao diálogo que aposta polo cambio real".

Teresa Rodríguez, Adelante Andalucía: "Vellas receitas en economía. Ningunha medida concreta para resolver os problemas reais dos andaluces, que son a precariedade laboral, os baixos salarios, as dificultades para pagar as facturas da luz e da auga".

Juan Marín, Ciudadanos: "Un talante moderado e cordial en que lles ofreceu a todos os partidos políticos a posibilidade de falar e chegar a acordos que é o que esperabamos".

Mario Jiménez, PSOE: "Un discurso en que houbo unha ausencia de ideas terrible".

Durante o debate de investidura, ás portas do Parlamento de Andalucía concentráronse máis de mil persoas. Convocados por colectivos feministas, protestaban contra as propostas en políticas de igualdade e de violencia machista de Vox. Unhas mobilizacións apoiadas polo PSOE, que fretou autobuses e chamou a participar nelas.
 

Mobilizacións en Galicia

Máis de duascentas organizacións feministas convocaron para esta tarde concentracións en toda España para pedirlles aos partidos políticos que non dean pasos atrás na loita contra a violencia de xénero. En Galicia saíron á rúa centos de persoas baixo esa demanda, en 10 manifestacións que se celebraron nas principais cidades e vilas galegas.

 

 

Noticias web

16/01/2019