CRTVG

Buscar

Seis concellos deberán aplicar máis restricións e noutros seis reláxanse as medidas

Publicado o 27/11/2020 21:39

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que seis municipios van saír das máximas restricións pola covid-19, mentres que outros tantos se incluirán nesas limitacións, que supoñen o peche perimetral e da hostalería. Os detalles xa foron publicados no Diario Oficial de Galicia e entran en vigor o sábado. 

Na conferencia de prensa tras a reunión semanal do subcomité clínico, en que tamén participou a conselleira de Polítia Social, Fabiola García, dixo que pasan do nivel 3 de restricións ao 2 os municipios de Vedra, O Pino e Mugardos (A Coruña); Viveiro (Lugo), e Toén e San Cibrao en (Ourense).

"Tiñan 1, 3, 0 casos, unha incidencia acumulada moi baixa, unha evolucion moi positiva, non era necesario manter este tipo de restricións", di a directora de Saúde Pública, Carmen Durán. "Agredecemos o esforzo que se fixo nestes concellos para chegar a valores de incidencia que superaban os 200 casos de menos de cen", salientou o consellerio de Sanidade. 

A comarca do Salnés convértese nunha das máis castigadas pola covid-19. Na última semana aumentaron os contaxios, e a incidencia acumulada a sete días pasou de 149 casos por cen mil habitantes a 163.

Unhas cifras que alertaron o comité clínico e levaron a incorporar tres novos concellos no mapa dos que teñen máis restricións. Son Meis, Meaño e Ribadumia, que a partir da medianoite quedan pechados perimetralmente. "Nunha comarca onde xa había concellos con restricións duras, o que nos fixo facer unha reflexión para ver como podiamos mellorar o conxunto da comarca, e incorporamos estes tres concellos que teñen moitos casos", explica a directora xeral de Saúde Pública, Carme Durán.

Tamén se endurecen as restricións na comarca de Fisterra. Os concellos de Cee, Dumbría e Muxía, estes dous xa estaban baixo vixilancia, pasan a nivel tres. Pechan de maneira conxunta e quedan prohibidas as reunións de non conviventes e a hostalería non poderá abrir.

Aínda que tamén melloran os datos, seguirán baixo vixilancia especial Sarria, Chantada, A Rúa, Petín, Ordes e Ribeira.

Ademais, entre os grandes municipios son Ourense e Santiago os que presentan unha "moi boa evolución", que fai prever que poderán pasar a "menores restricións" en canto haxa "máis estabilidade" na redución dos contaxios que mostraron nos últimos días.

O comité clínico pechará na próxima reunión os criterios da desescalada, cos que se irán aliviando as restricións en Galicia. Farase a dúas velocidades: será diferente para os concellos segundo teñan máis ou menos de dez mil habitantes.

O vindeiro martes volverase reunir o comité clínico e, encima da mesa, estará un documento para a desescalada na que está previsto que, ademais, se incoroóren parte das propostas que o sector da hostalaría realizou á Xunta e que foron elevadas ao órgano no que participan os expertos xunto aos dirixentes políticos.

Deste xeito, trataríase de facer unhas medidas intermedias que se aplicarán, por un lado, ás zonas urbanas e, por outro, ás rurais, pondo o baremo nos 10.000 habitantes. Ademais, nesa reunión tamén está previsto que quede pechado o documento para a desescalada incluíndo as medidas para a hostalaría, que poderán ser de diferente grao en función, por tanto, do tipo de municipio. O luns, haberá unha reunión co sector da hostalaría para terminar de puír as medidas propostas, unha reunión previa ao comité clínico.

A pandemia, estable e á baixa

En liñas xerais, Comesaña destacou que Galicia está "estable, á baixa" con menos casos positivos nas últimas horas (441 por baixo), descenso no número de persoas coa enfermidade activa e baixada da presión hospitalaria.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, tamén corroborou a situación de Galicia "con tendencia descendente, estable" e cunha incidencia acumulada a 14 días de 286,57 e 122,17 a sete días. Esta evolución positiva obtense tendo en conta a porcentaxe de PCR positivas e datos asistenciais, así como un nivel reprodutivo por baixo de 1.

Así, observouse unha melloría na Coruña, con 171 casos de incidencia acumulada; en Ferrol, por baixo dos 257; en Santiago, con 124 e en Lugo, con tendencia á baixa e unha incidencia de 215. O de Ourense é un dos descensos "máis pronunciados", está en 149 casos, fronte aos 204 da comparativa anterior. Vigo está estable cun 300 casos e Pontevedra, aínda que hai "preocupación", presenta unha "certa tendencia ao descenso" e unha incidencia acumulada de 337 casos nos últimos 14 días, fronte aos 349 da comparativa anterior.

Ademais, Carmen Durán tamén destacou que nos concellos nos que se levantaron as restricións de nivel tres tiveron un, dous ou cero casos nos últimos días e presentan unha incidencia acumulada "moi baixa" a sete e 14 días.

Ao contrario, os municipios aos que se lles subiron as restricións, constatouse un "empeoramento", con incidencia acumulada de máis de 250 casos en todos eles. En canto ao seguimento en Valdeorras, en Petín só se deu un caso nos últimos sete días e a evolución da Rúa é "favorable", aínda que tamén se seguirá a súa evolución.

Sarria, que evolucionou de 150 a 112 casos en sete días e Ordes introducíronse en seguimento especial por pasar a unha incidencia de 321 casos nos últimos 14 días.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, Julio Flores, apuntou que baixou o nivel de consultas no 061 e o número de urxencias hospitalarias tamén se estableceu, así como se diminuíron os ingresos nun 3 ou 4 por cento. Tamén baixou a ocupación das camas, cunha caída do 14 por cento en hospitalización convencional e un 5,43 en UCI.