CRTVG

Buscar

Con máscara e sen entregar o DNI: así debemos votar os galegos

Publicado o 10/07/2020 19:10
Con máscara e sen entregar o DNI: así debemos votar os galegos

Os cidadáns que acudan votar este domingo en Galicia e o País Vasco deberán ir coa máscara posta e só quitala no caso de que se lles pida para comprobar a súa identidade, e deberán mostrar o seu DNI, pero non entregalo para evitar posibles contaxios de coronavirus.

Exercer o dereito ao voto con garantías pasan en ambas comunidades por gardar distancia de seguridade, o uso de máscara, o lavado frecuente de mans, a limpeza e desinfección de superficies e lugares concorridos e en evitar aglomeracións. Tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o do País Vasco, Íñigo Urkullu, aseguraron que hai suficientes medidas para votar.

Os dous gobernos rexionais indicaron que non poderán ir votar os cidadáns contaxiados e que non superasen a infección. No caso de Galicia, os contaxiados deberán quedar na casa e os seus contactos si poderán acudir ao colexio, depositar a papeleta e acto seguido regresar aos seus domicilios para seguir coa corentena.

PROTOCOLO PARA VOTAR EN GALICIA

- Será obrigatorio levar máscara para os votantes e os membros das mesas electorais, ademais de desinfectar as mans con frecuencia, sobre todo antes de entregar o voto e mostrar o DNI.

- Ás persoas que acudan sen máscara entregaráselles unha no momento de acceso ao local electoral para poder exercer o seu dereito ao voto.

- A tea que cobre nariz e boca terá que baixarse para a identificación. Deberá ser depositada nunha bandexa ou dispositivo similar.

- Recoméndase que os electores leven o voto xa preparado desde o domicilio.

- Debe evitarse a aglomeración de persoas á entrada e á saída dos locais electorais, e manter, en todo caso, a distancia de seguridade de dous metros. De non ser factible, e sempre que se empreguen as máscaras, deberá gardarse en todo caso un metro, como mínimo, de distancia interpersoal.

- No caso de presidentes, vocais e interventores haberá distancia interpersoal, recambio de máscaras cada catro horas, pantallas e solucións hidroalcohólicas, cuxo uso se reforzará durante o escrutinio.

- Deben manterse as portas do local electoral abertas a fin de evitar a necesidade de manipular manillas, pomos ou similares, pero evitando as correntes de aire.

- En caso de locais electorais de acceso a través de escaleiras ou ascensor, desaconséllase a utilización do ascensor excepto para as persoas que pola súa diversidade funcional así o requiran.

- No uso das escaleiras evitarase o contacto cos pasamáns e manteranse as portas abertas con cuñas ou outros sistemas para evitar o contacto das persoas coas manillas, pomos ou similares.

- Terán prioridade para a entrada as persoas votantes maiores de 65 anos ou con algunha discapacidade e as persoas que estas precisan para o seu auxilio.

Noticias web

10/07/2020