CRTVG

Buscar

Con 34 anos e sen patoloxías, Jacobo recupérase tras pasar pola UCI por mor da covid

Publicado o 03/11/2020 14:00

A covid-19 non entende de idades e non soamente lles afecta aos nosos maiores. Nas UCI hai nesta segunda fase da pandemia moitos pacientes mozos e sen patoloxías previas que están a desenvolver o virus. Jacobo recupérase en planta, estivo máis dunha semana na unidade de coidados intensivos.

"Os primeiros minutos e horas foron así, estaba bastante desconcertado", di Jacobo Rodicio.

Con 34 anos e cunha saúde de ferro, a covid-19 pegoulle duro. Os primeiros días estivo na casa, pero os síntomas empeoraban.

"Logo, aos 5 ou seis días nin comía, sentíame fatal custábame respirar e tiven que chamar ao 061".

Entrou directamente en críticos con moi pouco osíxeno no sangue. Intubado e sedado, así pasou case unha semana. "Cando espertei vin que era martes e eu pensei que era venres".

O tempo e a soidade, os seus peores inimigos. Agora, xa en planta, pode comunciarse co móbil e agradece o cariño recibido polo persoal sanitario. "Soamente podo darlle as grazas".

Nunca pensou que con 34 anos puidese ser diana deste virus, e aínda hoxe non sabe onde o puido coller. "Unha vida normal: traballo, buscar o neno ao colexio e para a casa".

O médico que o está a tratar di que "algúns pacientes con covid-19 quedan con algo de fibrose pulmonar, a súa auscultación é normal e creo que Jacobo poderá marchar para a casa nos próximos días".

Jacobo conta as horas para que a PCR lle dea negativo e poder recuperar a súa vida. Agarda que a súa experiencia sirva para que a xente vexa que o virus non entende de idades.

"Que se coiden e que vexan que isto non é algo de xente maior ou xente nova, pódelle tocar a calquera".

Noticias web

03/11/2020