CRTVG

Buscar

Os encontros polo Nadal non poderán superar as 10 persoas

Publicado o 02/12/2020 19:39

• Tan só se permitirán cambios de comunidade para ver a familia

• O toque de recollida en Noiteboa e Noitevella será á 01:30

• Galicia comeza esta medianoite a desescalada con peche na ponte

Todas as comunidades autónomas, salvo Madrid, que votou en contra, e Cataluña, que se abstivo, apoiaron as medidas propostas polo Ministerio de Sanidade para o Nadal, que inclúen o peche perimetral durante todas as festas, agás para reunións familiares, e que serán de obrigado cumprimento.

Asegurouno este mércores o ministro de Sanidade, Salvador Illa, durante a conferencia de prensa posterior á reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en que deixou claro "que non se toman as medidas por gusto nin para entorpecer a vida de ninguén".

Entre as medidas aprobadas están atrasar o límite á mobilidade en Noiteboa e Noitevella ata a 01:30, o peche perimetral en todo o período do Nadal, salvo para desprazamentos de familiares e achegados, e ceas e comidas de non máis de dez persoas, sen especificar se nenos ou adultos. 

O ministro insistiu en que o acordo sobre as medidas para as festas do Nadal foi amplo na reunión, onde se mostrou un desexo compartido de que se restrinxa ao máximo a mobilidade nese período.
Illa dixo que o acordo se resumen nunha frase: "No Nadal quedamos na casa e limitamos todos os movementos prescindibles".

Desta forma, segundo o acordado no Interterritorial, a limitación de entrada e saída entre comunidades autónomas será efectiva do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, menos para os desprazamentos adecuadamente xustificados que se produzan por algún dos motivos previstos no decreto do estado de alarma e para acudir aos lugares de residencia habitual de familiares ou achegados.

Madrid vota en contra, aínda que Illa advertiu que é "de obrigado cunprimento"

Non se acordou ningún xustificante especifico para acreditar o desprazamento entre comunidades autónomas para estas visitas, e con iso as autoridades apelan á responsabilidade da cidadanía. Madrid é a única comunidade autónoma que discrepou deste punto; de feito, considera que o peche perimetral acordado será "imposible de controlar polas forzas de seguridade do Estado". Pola súa banda, Cataluña abstívose na votación ao plan ao considerar que ten que ser decidido por cada autonomía.

O acordo inclúe que, segundo a evolución da situación epidemiolóxica, as comunidades  e cidades autónomas poderán establecer que esta última excepción unicamente sexa  aplicable en días determinados.

Desta recomendación quedan exentas As Canarias e As Illas Baleares, debido ás características propias da insularidade, e por esa razón dispoñerán a aplicación das medidas que resulten oportunas, que serán dadas a coñecer nos próximos días.

Canto aos encontros con familiares e achegados, o documento aprobado permite que os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro sexan dun máximo de dez persoas, nenos incluídos, cunha "forte" recomendación de que sexan entre membros dun mesmo grupo de convivencia ou como moito de dous.

Toque de recollida á 01:30

Para Noiteboa e Noitevella atrásase o límite á mobilidade ata a 01:30 e unicamente para permitir o regreso ao domicilio.

Sanidade e comunidades autónomas recomendan aos estudantes que regresan á casa para as vacacións que limiten as interaccións sociais e extremen as medidas de prevención dez días antes.

O ministro deixou claro que os acordos son de "cumprimento obrigado" e circunscríbense no estado de alarma vixente ata 9 de maio próximo, que establece que o Interterritorial é un órgano de coordinación e pode adoptar medidas nese marco. "Por tanto, é unha medida de obrigado cumprimento, que, polo que nos din os servizos xurídicos, non precisa de publicación no BOE senón de comunicación aos distintos responsables das comunidades autónomas".

Illa reiterou o seu chamamento á cidadanía para cumprir as medidas e tamén evitar aglomeracións: "É moi importante para nós o mes de decembro, custou moito dobregar a curva da segunda vaga e queremos que estes parámetros vaian descendendo aínda máis". 

Sanidade recomenda ás comunidades autonomas que restrinxan ao máximo as autorizacións para facer actos masivos nesas datas e que as cabalgatas de Reis sexan estáticas. E aos cidadáns pídenlles que planifiquen as compras do Nadal para evitar aglomeracións.

Galicia acepta o plan do Goberno para as festas do Nadal

As medidas anticovid−19 inclúen, segundo destacan na Xunta, algunha das súas propostas, como é que os días 24 e 25 e Noitevella e Ano Novo poidan sentar á mesa en cada fogar dez persoas ou dúas unidades familiares, dentro das cales están os nenos.

Noticias web

02/12/2020