CRTVG

Buscar

Cómpre seguir doando sangue para manter as reservas en niveis de normalidade

Publicado o 16/03/2020 14:44

As unidades fixas e móbiles para a doazón de sangue están en funcionamento agora con novas rutinas como o mantemento da distancia considerada de seguridade.

As reservas de sangue son normais, segundo nos di a directora, pero cómpre seguir doando.
Marisa López Directora,  da axencia de doazóns ADOS: "Temos o compromiso de seguir mantendo esta subministración aos centros nos próximos días e temos a obriga de lembrar a aquelas persoas, máis á xente nova que estes días están na casa, que non esquezan que é necesario seguir doando".

Preguntámoslle á directora da ADOS se aos doadares se lles está a facer o test do coronavirus. Maria López responde: "Traballamos coas máximas medidas de seguridade realizando todas as probas necesarias que están recollidas na normativa. A entrevista do médico que está na unidade de doazón e atende os doadores é exhaustiva e ten a finalidade de identificar as persoas que estiveron en situación de risco. Polo tanto, a doazón é segura".

Cada día seguirán saíndo as dez unidades móbilides para a recollida de Doazón en Galicia. Unha delas estaba esta esta mañá na praza Roxa de Santiago. Nestas circunstancias de moi poucos viandantes, a afluencia de doadores é escasa. Alí encontramos a María e Elena, dúas estudantes que ían estrearse nesta tarefa solidaria.

"É a primeira vez que doo sangue", di María, mentres agarda que Elena baixe do autobús, e engade "vin coa miña compañeira de piso e, como se pedía que houbese máis doazóns e como xusto vivimos aí, vimos o autobús e aquí estamos".

Elena conta: "Era a primeira vez que viña doar e nada, pero como teño a hemoglobina algo baixiña non puido ser".

María tampouco puido, pero as dúas amosaron a súa intención de volver para doar en canto cumpran as esixencias.

Noticias web

16/03/2020