CRTVG

Buscar

Como van ser as festas do Apóstolo este ano?

Publicado o 10/07/2020 16:03

Van ser unhas Festas do Apóstolo diferentes, pero o día 17 arrancan cun pregón colectivo en homenaxe ás víctimas da Covid e aos colectivos que loitaron nos peores momentos da pandemia. Hai unhas horas presentábase o programa no que os artistas locais serán este ano os protagonistas. 

O concelleiro de festas dicía esta mesma mañá que é o programa máis dificil que tiveron que organizar. A seguridade preocupa e por iso vai haber controis da acollida moi restrictivos en todos os espectáculos.

Por exemplo, os concertos da Quintana que adoitan acoller a uns 3 ou 4 mil asistentes, nas festas deste ano só poderán entrar 400 persoas. Tampouco haberá atracións na alameda e a maioría do programa vaise desenvoler ao aire libre.

Sabiamos que o Apóstolo este ano non ía ter o mesmo balbordo, mais o cartel que hoxe descubrimos mantén as cores da festa.

Será un Apóstolo excepcional nunhas circunstancias excepcionais. Non xirará a noria, e os cabezudos bailarán pero non na rúa, desta volta subiranse a un escenario da praza da Quintana. Todo pola seguridade. Actividades e concertos gratuítos pero con control de acollida.

Ese control de acollida impediranos imaxes coma estas. Nos concertos na Quintana entrarán só 400 persoas, e as actividades do parque de Galeras acollerán menos de 200. Entre as propotas, o circo e as actividades familiares que compensarán a falta de atracción. Tamén haberá cine, para os pequenos e para os grandes con cine internacional e tamén do noso. 

Canto á música, os artistas locais ocupan máis dun 80% do programa. Entre eses artistas locais haberá para todos os gustos. Desde propostas máis vangardistas como a de Mercedes Peón e Janet Novás co espectáculo Mercedes e mais eu, a outras voces femininas como Najla Shami, Tanxugueiras ou A banda da loba.

Jazz, músicas do mundo, concertos en acústico e popostas colorisas como Broken Peach que pasan pola Quintana... ou Ortiga, que pecha cartel o día 31. Bonaval tamén se abre para a danza, as perfomance e a música.

E entre o que permanece: o día do traxe, que sacará as mellores galas, e, por suposto, os fogos, dispersos desde oito puntos, pero sempre coa cor da festa.

 

Noticias web

10/07/2020