CRTVG

Buscar

Que negocios abren a partir de hoxe: Guía para manexarse na fase 0

Publicado o 04/05/2020 08:17

Comeza a apertura da actividade comercial, con grandes restricións. Hoxe, comercios e locais pequenos poderán atender clientes, con cita previa. Tamén se permitirá recoller nos restaurantes comida para levar. Arrinca a fase cero da desescalada.

Calquera comercio de menos de 400 metros cadrados poderá abrir ao público dende hoxe, pero atenderá con cita previa. Só se permite un cliente por traballador, e debe respectarse a distancia de seguridade de dous metros, a non ser que haxa elementos de separación. Unha das actividades que o teñen máis difícil para manter as normas de distanciamento, seguridade e hixiene é a dos salóns de peiteado e centros de estética.

No caso de se precisaren probadores, haberá que desinfectalos despois de cada uso. Os locais están obrigados a contar con dispensadores de xel hidroalcólico na entrada. Terán dúas quendas de desinfección ao día, unha delas ao final da xornada, centradas nas zonas de máis contacto para traballadores e clientes. Son medidas complicadas de acatar nalgúns comercios.

Arestora non se permite a apertura de centros ou galerías comerciais ou das tendas que estean neles e non teñan accesos dende o exterior. Si que se autoriza a recollida de produtos. Xa se podía pedir comida a domicilio; agora é posible ir por ela ao local. Bares e restaurantes chegan a esta fase cero con dúbidas por veren aínda moi limitada a súa actividade.

Ábrese a consulta de arquivos, con prioridade da vía telemática. Dende hoxe tamén poderán viaxar nos vehículos particulares dúas persoas por fila de asentos, con máscara e a máxima distancia posible. E permitiranse as reformas e obras menores, con certas condicións.

Estas restricións comerciais non se aplican aos negocios que xa estaban abertos dende o inicio do estado de alarma, pero si as obrigas de prevención de riscos laborais.

Noticias web

04/05/2020