CRTVG

Buscar

Comeza na Coruña un cribado a 8.200 persoas de entre 60 e 70 anos durante unha semana

Publicado o 27/02/2021 14:47

A área da Coruña está nunha clara tendencia á baixa en incidencia da covid-19, pero as cifras de afectados son superiores ás da media galega. Sitúanse en parámetros semellantes aos de mediados de xaneiro, cando estaba despuntando a terceira onda. Por iso segue a ser un dos obxectivos nos labores de cribado, que agora se centran nos cidadáns de entre 60 e 70 anos.

Os convocados son 8.200 veciños desa franxa de idade, que hoxe comezaban as probas PCR no covidauto do Ventorrillo e do CHUAC con boa resposta cidadá: "Non sei cantos foron convocados neste lugar, pero en principio parece que hai bastante xente", sinala un dos participantes. Outro home explica: "Teño algo de risco e a miña muller está na residencia por un transplante de pulmón. Vouna visitar e quero estar como hai que estar". "Si que é verdade que nesta franxa de idade que estamos hoxe traballando, como son os 60 a 70 anos, adoita ser unha poboación bastante concienciada e que adoita ir bastante aos cribados", declara Rebeca Rivas, unha enfermeira que está a realizar as probas.

Entre os participantes existe clara conciencia de que é fundamental detectar posibles asintomáticos para frear os contaxios. "Sabemos que son as familias e as festas familiares onde máis se contaxia e é importante que os asintomáticos estean detectados dalgunha maneira. Se non, seguen contaxiando e ese é o problema", comenta unha muller. Outra sinala: "Hai que saber se un esta ben ou non, porque pode ser asintomático. Eu, por exemplo, non noto nada".

E non faltan os casos dos multirrepetidores en probas deste tipo: "Tiven que facer algunha operación cirúrxica e por protocolo antes de cada operación teñen que facerche unha. Co cal, por iso xa levo tres".

Este cribado prolongarase durante unha semana, ata o 6 de marzo, e vén precedido polas probas que se fixeron no Ventorrillo nas últimas semanas para 22.000 persoas menores de 60 anos.

Noticias web

27/02/2021