CRTVG

Buscar

Comezaron os tests rápidos ao persoal docente na área sanitaria de Santiago e a Barbanza

Publicado o 30/08/2020 12:18

Este sábado comezaron os tests rápidos que lle van facer a todo o persoal docente da área sanitaria de Santiago e a Barbanza para detectar posibles infeccións por coronavirus. De aquí a que comece o curso case sete mil profesores vanse someter a estes controis. 

Ás nove da mañá comezou a chegar ao hospital clínico de Santiago o persoal que traballa na escolas infantís. Son os primeiros en someterse a estes tests rápidos para detectar posibles infectados por coronavirus porque son tamén os primeiros que van comezar o curso. Será o próximo martes.

"No 0-3 os nenos non van levar máscara e é moi imporante que o persoal estea vixiado e controlado para saber que non imos trasmitir nada aos pequenos", aseguro Ana Presas, da escola infantil do Castiñeiriño.

"Mandáronnos un SMS ao teléfono móbil dándonos cita para que viñésemos aquí a facer a proba, comezamos o martes e así xa sabemos se podemos empezar sen problema ningún", di Rosa Fernández, da escola infantil de Vite.

"Chegounos un SMS o xoves pola tarde para que viñésemos aquí, a min tocoume ás once e estou agardando polos resultados", engade Mónica, da escola Infantil do Castiñeiriño.

"Damos a recepción, presentan o código QR e con iso nós facemos a punción dixital para facer o test de dobre banda, ao acabar mandamos mensaxe dicindo se é negativo ou indeterminado e se é indeterminado teñen que volver", di Regina Martín de Vidales, subdirectora de enfermaría da área sanitaria Santiago-Barbanza.

"Nada, unha picada", afirma Sonia Villamor, da escola infantil do Pino. "Sae sangue e se sae negativo xa para a casa", conclúe.

Os técnicos do laboratorio teñen o resultado nuns quince minutos.

Os docentes tardan entre 30 minutos e unha hora en recibir a mensaxe cos resultados. As probas alongaranse ata as 10 da noite, tempo no que pasaran por aquí unhas 600 persoas. Nos próximos días faráselle o test ao persoal de primaria e secundaria. Con todo, os docentes reclaman que estes tests sexan periódicos.

 

Noticias web

30/08/2020