Comezan os cribados preventivos a mestres en Vigo e Pontevedra
Hoxe comezan en Vigo e Pontevedra os cribados preventivos a mestres. En total faranse 400 tests rápidos ao día, a metade pola mañá e a outra metade pola tarde, para desbotar a infección pola covid-19.
En Vigo, o cribado terá lugar no hospital do Meixoeiro e abranguerá 7.500 traballadores de centros educativos tanto públicos coma privados de infantil, primaria e secundaria. Mentres, en Pontevedra realizaranse a un total de 4.000 docentes, nos hospitais de Montecelo, Provincial e do Salnés.
Os profesores deberán achegarse de forma gradual para someterse a unha punción capilar, e coa mostra de sangue faráselles o test de anticorpos que determina se teñen ou tiveron o virus. O resultado obterase no momento, aos 15 minutos da proba, aproximadamente. En caso de dar positivo terán que seguir o protocolo sanitario, polo que se lles fará unha proba PCR e unha seroloxía.
Por outra banda, hoxe tamén se inician os cribados preventivos para 350 xornaleiros da vendima na área de Pontevedra.