CRTVG

Buscar

Comezan os controis de maduración na Ribeira Sacra

Publicado o 28/08/2020 14:22

Os técnicos do Consello Regulador recollen a uva en parcelas seleccionadas das cinco subzonas da denominación de orixe Ribeira Sacra. Comezaron esta mesma semana para facer os controis de maduración. Seguirán en semanas sucesivas e, en función dos resultados, o pleno do Consello Regulador marcarán unha data aproximada para o comezo da vendima. Será a data oficial, pero logo cada adega pode facelo, obviamente, en función da situación concreta dos seus viñedos. O ano pasado, a data oficial foi o 19 de setembro e houbo unha produción histórica, de máis de 7 millóns de quilos de uva.

En cepas marcadas de parcelas seleccionadas, representativas de cada unha das cinco subzonas da Ribeira Sacra, realízanse os controis de maduración. Sempre nas mesmas cepas para facer un seguimento histórico.

María José Soto, técnica do C. R. D. O. Ribeira Sacra: "Estas mostras analizámolas medindo PH, grao e acidez. Como levamos moitos anos facéndoo nas mesmas cepas e nas mesmas viñas, iso dános unha idea de como vai madurando".

O ano pasado, a vendima non empezou aquí, oficialmente, ata o 19 de setembro, pero sempre hai algunha adega que adianta a colleita polo estado de maduración. É o caso do Ronsel do Sil, a primeira que comezou este ano na Ribeira Sacra. Cultivan distintas variedades e cada unha segue o seu propio ciclo.

María José Yravedra, propietaria da adega: "Son variedades que maduran en distintos momentos. Nós, o que facemos, é escoitar a natureza. Ela é a que nos di o que hai que facer".

Na Ribeira Sacra, a vendima alóngase no tempo polas complicacións orográficas, ás que este ano, coma en todas partes, se suman as derivadas da pandemia.

Enriqueta Somarriba, responsable de venda internacional da adega: "Na viña só contratamos xente de aquí e sepáranse por familias e por aldeas. E na adega só entra o persoal de todo o ano, e con medidas de seguridade máximas: control de temperatura, máscaras...".

O ano pasado colleitáronse na Ribeira Sacra preto de 7 millóns trescentos mil quilos de uva, a cifra máis alta da historia.

 

Noticias web

28/08/2020