CRTVG

Buscar

Xulgan doce membros de Causa Galiza e Ceivar por enaltecemento do terrorismo

Publicado o 19/10/2020 15:01

Comezou na Audiencia Nacional o xuízo contra doce membros das organizacións independentistas Causa Galiza e Ceivar. A fiscalía acúsaos de enaltecer o terrorismo precisamente da organización Resistencia Galega. E pide para eles penas de entre 4 e 12 anos de prisión.

Esta causa ten a súa orixe na operación Jaro, desenvolvida entre 2015 e 2017, que supuxo a ilegalización temporal da Causa Galiza, logo revertida nos tribunais.

A fiscalía cre que tanto esa entidade como Ceivar eran organizacións criminais, en que se cometeron delitos de enaltecemento do terrorismo, e apunta varios actos en que se enxalzou o ideario de Resistencia Galega. Os encausados negaron as acusacións na sección terceira do Penal da Audiencia Nacional.

Xoán Xosé Pérez Lorenzo, membro de Causa Galiza, defende que "era unha organización legal, con actividades legais e autorizadas"

Once acusados enfróntanse a penas de entre catro e doce anos de cárcere. Para o outro encausado, Antón Arias Curto, solicitan catro anos por enxalzamento. Xa fora condenado en 1993 por terrorismo como membro do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive.

O fiscal sostén que Causa Galiza se encargaba da chamada "fronte de masas", e Ceivar do apoio de presos, e pide a ilegalización das dúas organizacións.

 

Noticias web

19/10/2020