CRTVG

Buscar

Comeza o toque de queda en París e noutras oito cidades francesas

Publicado o 18/10/2020 14:50

O toque de queda facíase efectivo en París e noutras 8 cidades francesas ás nove da noite pasada. Un pouco antes, os camareiros recollían e botaban o peche dos establecementos. Bares, restaurantes e terrazas quedaban baleiros.

Membros da Xendarmería patrullaban polas rúas habitualmente ateigadas pedindo a documentación e a certificación necesaria para permanecer fóra das casas. O toque de queda remata ás 6 da mañá.

"Podemos ver que os parisienses respectan a medida que se ordenou e aparte dos profesionais que interveñen, en particular no ámbito das vendas para levar, non temos a ninguén nas rúas nestes momentos", di este xendarme.

Antes das nove da noite a imaxe era ben distinta. Os bares e terrazas estaban ateigados de xente.
Moitos entendían as medidas.

"Chega un punto en que hai que lograr un equilibrio entre a saúde pública e a economía. Creo que estamos tratando de facer o noso mellor esforzo. Non é doado para ninguén", di este estudante de 22 anos.

Outros cren que estas medidas non serán efectivas:
"En canto ás comidas e ceas que organizamos cos nosos amigos, seguirán ocorrendo xa sexa durante o día os fins de semana ou o que sexa, polo que realmente non terá un impacto máis que en limitar a nosa libertade", di estoutro.

Os empresarios da hostalería advirten sobre o impacto nun sector que ya sufriu perdas importantes durante o peche na primavera.

"Seguramente haberá xente que perderá os seus traballos porque hai restaurantes que quebrarán..."É un desastre", di este xerente dun establecemento en París.

O Goberno francés pretende deter a segunda vaga do coronavirus, que causou un número récord de infeccións diarias no país ata as 32.000 no último día. As autoridades din que o virus estase a propagar en festas e reunións privadas e que se necesitan medidas ou poderían colapsarse os hospitais.

O toque de queda aplicarase, polo menos, durante catro semanas.

Noticias web

18/10/2020