CRTVG

Buscar

Comeza a campaña do ourizo para os mariscadores de Aguiño e Ribeira

Publicado o 04/02/2019 14:34

Máis dun cento de mariscadores das confrarías de Aguiño e Ribeira comezaron esta mañá a campaña do ourizo de mar.

Este primeiro día, dos 40 de traballo que teñen autorizados nesta campaña, rematou con boas sensacións, xa que todos acadaron as capturas permitidas, que son 30 quilos de tope por persoa. O tempo acompañou e agora esperan que os prezos sexan similares aos do ano pasado, que rozaron os 8 euros o quilo.

Máis dun cento de mariscadores saíron á primeira hora da mañá dos portos de Ribeira e Aguiño, á busca do que xa se deu en chamar o caviar galego, o ourizo de mar. O tempo e o estado do mar facilitaron o traballo dos mergulladores que tardaron unha hora e media en recoller o tope marcado por persoa: 30 quilos.

A campaña deste ano reduciuse a 40 días de traballo, así que rematará cara a finais de abril ou comezos de maio, e tamén se modificou o tamaño mínimo permitido: os ourizos deben medir 6 cm. Pero os resultados desta primeira xornada fan presaxiar que será unha boa campaña.

Queda por saber o prezo que alcanzará o ourizo na poxa. O ano pasado superaron marcas de facturación e capturas, o que converte esta especie nun produto cada vez máis prezado e que supón unha fonte de ingresos alternativa para os mariscadores.

Noticias web

04/02/2019