CRTVG

Buscar

Cinco novas mortes elevan a 246 as vítimas con coronavirus en Galicia

Publicado o 06/04/2020 21:02

• 204 persoas faleceron nos hospitais e outras 42 nas residencias

 657 maiores e 232 traballadores con coronavirus nas residencias de Galicia

 

Nas últimas horas faleceron cinco persoas diagnosticadas de coronavirus en Galicia. Son un home de 89 anos e unha muller de 85 que estaban ingresados no Hospital Universitario de Ourense, un home de 72 anos e unha muller de 77 ingresados no Chus e unha muller de 70 anos que estaba ingresada no CHUAC. Todos eles tiñan patoloxias previas, segundo confirmou o Sergas.

Con estas cinco últmas vitimas elévase a 204 o número de persoas con coronavirus que faleceron nos hospitais galegos. Sumadas aos 42 falecementos rexistrados nas residencias de maiores, sitúan a cifra de mortos en Galicia en 246 persoas.

O número de persoas contaxiadas é de 5.342, co que en 24 horas houbo 167 casos novos. É este o menor incremento de contaxios nos últimos 15 días. Ademais, 610 pacientes recibiron a alta.

Segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública, dos pacientes que deron positivo 1.081 son da área de Vigo, 1.071, da área da Coruña; 992, da de Ourense; 871, da de Santiago; 563, da de Lugo; 457, da de Pontevedra, e 307, da de Ferrol. 

Do total de pacientes positivos, 168 están na UCI, un menos ca onte. En unidades de hospitalización permanecen 939 persoas, 46 máis ca na xornada anterior. Outras 4.235 persoas contaxiadas están no seu domicilio.

O número de probas PCR realizadas é de 30.002.