CRTVG

Buscar

Cinco normas provisionais da DXT aclaran como deben circular os patinetes

Publicado o 04/12/2019 13:50

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) publicou unha instrución provisional para aclarar as normas de circulación dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), entre eles os patinetes eléctricos, e evitar así a confusión que aínda existe entre concello, usuarios e policías.

"A regulación formal destes vehículos atópase actualmente en fase de tramitación e o que buscamos con esta instrución é aclarar e dar seguridade mentres se aproba o novo Regulamento Xeral de Vehículos", asegurou Javier Villalba, subdirector de Normativa da DXT.

Na súa instrución Tráfico explica que un VMP é un vehículo dunha ou máis rodas cunha única praza e propulsado exclusivamente por motores eléctricos, que alcanzan unha velocidade de entre os 6 e os 25 quilómetros por hora, entre eles os patinetes eléctricos ou os 'segways'.

Quedan excluídos desta categoría os vehículos de persoas con mobilidade reducida, as bicicletas eléctricas ou os ciclomotores, que xa contan coa súa propia regulación que hai que cumprir.

Ao non necesitar ningunha autorización administrativa nin seguro obrigatorio, están a comprarse  VMP "que en realidade non o son e, por iso, queriamos aclarar os requisitos técnicos que determinan a estes tipos de vehículos", engadiu Villalba.

"Se se poñen en circulación aparellos que aparentemente ofrecen prestacións superiores a un VMP e non cumpren os requisitos do Regulamento europeo, estes vehículos non poden circular polas vías obxecto de regulación, aos seus condutores denunciaráselles cunha sanción de 500 euros e procederase á inmobilización e depósito do mesmo", subliña Tráfico.

Para poñer en coñecemento dos usuarios e dos policías de tráfico, a instrución recolle en cinco puntos as normas que deben seguir os condutores dos VMP:

.- Están obrigados a someterse ás probas de alcol e drogas. As sancións por esta infracción oscilan entre os 500 e 1.000 euros. E se dan positivo, o VMP inmobilizarase.

.- Está prohibido usar o teléfono móbil ou auriculares cando se conducen. A multa por infrinxir esta norma é de 200 euros.

.- Non poden circular por beirarrúas e zonas peonís. A sanción é de 200 euros, cos matices que incorporen os ordenanzas municipais.

.- Só poderá viaxar unha persoa, a que o manexa. Se o VMP transporta a dúas persoas, a multa é de 100 euros.

.- Considerarase neglixencia cando se realice condución nocturna sen iluminación nin pezas ou elementos reflectores. A sanción é de 200 euros.

Ademais, a instrución lembra que, en espera de que se regule no Regulamento de Circulación, se as ordenanzas municipais obrigan ao uso de casco, a súa non utilización múltase con 200 euros.

Con esta instrución, a DXT quixo acabar coa confusión que hai actualmente ao redor dos VMP, xa que aínda que existe unha regulación europea oficial de 2013 sobre a homologación dos devanditos vehículos, as normas de circulación aínda están a ser tramitadas.

Villalba sinalou a importancia de que os usuarios destes vehículos coñezan os seus dereitos e obrigacións. "Teñen que saber os riscos, igual que se levasen un coche", apostilou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí