CRTVG

Buscar

Galicia alcanza os 297 falecementos, pero segue a retardar os contaxios

Publicado o 09/04/2020 13:48

• Os casos activos son nestes momentos 5.551, 91 máis que na xornada previa

• 910 pacientes foron dados de alta, 110 máis que o mércores

• Hai nestes momentos 4 contaxiados menos nas UCI e 41 menos atendidos en plantas hospitalarias

Cinco falecementos nas últimas horas elevan a 297 os mortos en Galicia a causa do coronavirus. Estas últimas vítimas da COVID-19 son unha muller de 89 anos e un home de 84 que estaban ingresados no hospital de Valdeorras; un varón de 92 anos e unha muller de 62, ingresados no Álvaro Cunqueiro de Vigo; e un home de 82 anos que estaba sendo atendido no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Segundo informa o Sergas, todos tiñan patoloxías previas.

Así, nos hospitais galegos rexistráronse 236 mortes, catro máis que na xornada anterior; e 61 nas residencias de anciáns, tamén catro falecementos máis que este mércores, para o total de 297 mortos a causa da COVID-19.

Respecto ás 4 persoas falecidas onte en centros residenciais nas últimas 24 horas, 2 foron na residencia DomusVi Cangas, 1 na residencia DomusVi Barreiro (Vigo) e 1 na residencia Moledo (Vigo). O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,3% do total das persoas residentes.

En total, Galicia rexistra 5.551 casos de infectados por coronavirus. Deles 1.148 son da área da Coruña, 563 da de Lugo, 1.041 da de Ourense, 470 da de Pontevedra, 1.069 da área de Vigo, 939 da de Santiago, e 321 da de Ferrol. Deses datos destaca en concreto o da área sanitaria de Lugo, onde se contan tres pacientes menos que na xornada previa. No resto das zonas, o increcemento tamén se ralentiza. En total, este xoves cóntanse en Galicia 91 novos casos activos.

Do total de pacientes positivos, 154 permanecen en UCI, 794 están en unidades de hospitalización e 4.603 no domicilio. Son catro menos nas UCI que os que había este mércores e 41 menos nas plantas dos hospitais, co alivio que supón para os recursos sanitarios.

Polo de agora rexistráronse 910 altas de pacientes, 110 máis ca onte. O número de PCR realizadas é de 36.799.