CRTVG

Buscar

Cinco detidos en operacións contra a distribución de "diñeiro de película"

Publicado o 08/08/2020 12:07

Axentes da Polícia Nacional realizaron dúas operacións en Eibar e Palencia contra organizacións dedicadas á distribución do chamado "diñeiro de película", billetes falsos que se utilizan en producións cinematográficas ou anuncios.

En Eibar localizáronse 4.300 billetes falsos de 100 euros e houbo unha detención. En Palencia incautáronse de 300 billetes falsificados de distintos importes, co arresto de 4 persoas.

As investigacións comezaron tras detectar un forte incremento en España deste tipo de billetes con deseño e tamaño semellantes aos orixinais, pero sen as preceptivas medidas de seguridade. En inglés inclúen a advertencia de que non son de curso legal e que o seu uso está destinado a películas. A policía estima que se distribuíron pola Internet entre 80.000 e 100.000 euros falsos. Aínda que manipulaban cunha técnica burda os billetes que adquirían na Rede, eran difíciles de detectar nos comercios, onde os colocaban distintos pasadores con billetes de 50 euros.

A policía lembra as recomendacións do Banco de España para evitar caer nestas falsificacións: tocar, mirar e xirar, comprobando as impresións en relevo cun tacto inconfundible, colocalos o trasluz para ver a marca de auga e o fío de seguridade, e ao xiralos a banda holográfica muda.


 

Noticias web

08/08/2020