CRTVG

Buscar

Cifuentes: "Realmente non defendín o traballo de fin de máster, entregueino"

Publicado o 22/01/2021 14:46

A expresidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, asegurou este venres que realmente non defendeu o seu traballo de fin de máster (TFM) en 2012, senón que o entregou e o explicou "en liñas xerais" nun acto "moi informal", que a sorprendeu, ante unhas persoas que supón que eran profesores.

A Sección 15 da Audiencia de Madrid reiniciou este venres o xuízo contra Cifuentes como presunta indutora da falsificación da acta que acreditaba que defendera en 2012 un traballo de fin de máster impartido polo Instituto de Dereito Público, asociado á Universidade Rei Juan Carlos (URJC). A Fiscalía pide para ela tres anos e tres meses de cárcere.

"Realmente eu non defendo o meu traballo: eu entrego o traballo e explícoo en liña xerais. Sorpréndome porque foi un acto moi informal", dixo Cifuentes a preguntas da fiscal do caso.

Precisou que non sabe se as persoas ás que entregou o TFM, que eran "dúas ou tres", eran os que logo o avaliarían, aínda que deu por feito que "serían profesores da universidade". Non ten a certeza porque ela non tivera relación cos seus profesores, só co catedrático Enrique Álvarez Conde, director do Instituto de Dereito Público.

"Non sei se esas persoas eran un tribunal ou non", sostivo, e explicou que lles entregou o traballo "non nunha aula, senón nunha sala dun despacho, como unha pequena sala de xuntas", nun acto que "non durou moito".

Limitouse, segundo o seu relato, a "explicar o traballo en liñas xerais" e "moi por encima", e supuxo que esas persoas o trasladarían a quen correspondese para a súa avaliación".

A expresidenta rexional afirmou no xuízo que "non ten os papeis" dos traballos que realizou do curso de posgrao. Dixo que probablemente os destruíu dado que "non tiña ningún interese" en gardalos, do mesmo xeito que non gardou ningún traballo da súa etapa académica.   

Ademais, indicou que lle resultaba máis cómodo traballar sobre papel e non nun computador. "Cando tiña os traballos feitos, mandábaos en papel a través de alguén do equipo ou do meu gabinete".

"Non gardo ningún exemplar. Estiven buscando o TFM. Eran traballos de trámite que mandaba. Estiven buscando outros traballos ao longo da miña vida académica. Non atopei ningún. Non sei se é o normal. Nin sequera o meu primeiro borrador que fixen", recalcou.   

"Quizais teña que ver co feito de que a miña vida como delegada era moi complicada. Tiven cinco mudanzas de despachos e mudeime a dous domicilios máis pequenos. Parte das miñas pertenzas están distribuídas nun rocho, na casa. Non o teño. Non teño eses papeis. Probablemente destruínos cando obtiven as cualificacións", recalcou. Ademais, sinalou que houbo varios borradores do TFM, que mandou a Conde e quen lle realizou algunhas indicacións.  

Cifuentes relatou que Dionisio Ramos lle falou do máster en novembro de 2011 e decidiu matricularse ao poder compaxinalo co seu traballo como deputada e vicepresidenta da Asemblea de Madrid. Así, tería un modelo non presencial con traballos para suplir a asistencia e os exames.   

"Enrique Álvarez Conde -director do Instituto de Dereito Público xa falecido- é a persoa que me explica a dinámica ou como suplir a asistencia e exames e quen me fixa calendario. Son doce materias. Conde díxome que non me preocupase por non ir a clase e díxome que era unha modalidade con alumnos que traballan. Non me sorprendeu porque había outras universidades con modalidade parecida. Por cada materia facíase un traballo. Todo a través de Álvarez Conde", narrou.

Nesta causa tamén están procesadas María Teresa Feito, exasesora da Consellería de Educación da Comunidade de Madrid e funcionaria da Universidade Rei Juan Carlos, para a que a Fiscalía pide a mesma pena que para Cifuentes, e Cecilia Rosado, directora do máster e integrante do tribunal que supostamente examinou a Cifuentes, para a que solicita 21 meses de cárcere porque recoñeceu que falsificou a acta e colaborou coa xustiza

Máis sobre actualidade