CRTVG

Buscar

A China non rexistra ningún contaxio local do coronavirus por primeira vez desde o inicio do brote

Publicado o 19/03/2020 09:20
A China non rexistra ningún contaxio local do coronavirus por primeira vez desde o inicio do brote
A China non rexistrou ningún novo contaxio local polo coronavirus SARS-CoV-2 durante o mércores. É a primeira vez que se dá esta circunstancia desde o inicio do andazo, segundo informaron as autoridades sanitarias do país.
Os 34 casos rexistrados entre a medianoite do martes e a do mércores foron na súa totalidade importados, diagnosticados a viaxeiros procedentes doutros focos da pandemia, o que reflicte, á súa vez, que ese tipo de casos aumentan. Máis da metade deses 34 casos rexistráronse en Pequín. Desde o 11 de marzo, tanto o número de contaxios como o de falecementos na China permanecera igual ou por baixo dos 21 diarios, segundo as estatísticas oficiais.
As autoridades chinesas informaron tamén de que houbo oito novas mortes causadas polo COVID-19, todas elas na provincia de Hubei, epicentro do andazo.

Estes datos sitúan o total de falecidos nese país en 3.245 entre os 80.928 infectados diagnosticados desde o inicio da pandemia, dos que 70.420 responderon positivamente ao tratamento e déronlles a alta.

Así, o número de contaxios "activos" na China é de 7.263, dos cales 2.314 están graves. Ademais, realizouse seguimento médico a 683.281 contactos próximos con infectados, dos que 9.144 continúan en observación.