CRTVG

Buscar

As protestas en Chile chegan ao barrio máis acomodado da capital

Publicado o 07/11/2019 08:26

As protestas en Chile chegan ao barrio acomodado da capital. O presidente tenta calmar a situación comezando a asinar as propostas da súa proclamada axenda social e asegurando que se investigará se houbo uso excesivo da forza nas rúas. A ONU está revisando as denuncias por violación de dereitos humanos no país no medio desta crise social.

Santiago non acouga. O Costanera Center, icona da capital chilena, símbolo do progreso económico do país, do que forma parte o edificio máis alto de América Latina, situado no barrio acomodado de Providencia, foi o enclave onde se produciron as últimas protestas e actos vandálicos.

Os que din que son os peores disturbios en Chile dende o fin da ditadura de Pinochet causaron polo menos 23 mortes, máis de sete mil detencións e lesións a 800 axentes e máis de 1.600 manifestantes. O presidente quixo destacar que non hai trato preferente do Goberno de cara aos feridos, anunciando que visitará os civis vítimas da violencia. A Fiscalía pedirá investigar catorce policías por torturas.

A axenda social que anunciara Sebastián Piñera para reducir as tensións dá un paso coa sinatura dun proxecto de lei sobre o salario mínimo. O ministro de finanzas anunciou que o Goberno sacará 600 millóns de dólares para o plan social. As reclamacións cidadás son múltiples, e este mércores os transportistas reclamaron a baixada das peaxes, convocando multitudinarias caravanas nas autoestradas.

Noticias web

07/11/2019