CRTVG

Buscar

Chegan a Cúcuta os camións con axuda humanitaria dos EUA para Venezuela

Publicado o 08/02/2019 08:40

Chegou o primeiro cargamento de axuda humanitaria procedente dos Estados Unidos á cidade colombiana de Cúcuta, fronteiriza con Venezuela. Son nove camións con alimentos e menciñas que chegaron escoltados pola policía colombiana. Agora esperan que os militares desbloqueen a ponte de Tienditas para poder introducila no país. 

Os gobernos colombiano e estadounidense manteñen en segredo os plans de entrega, dificultado polo bloqueo na parte venezolana da ponte entre os dous países por onde se pretendía inicialmente facer entrar o cargamento.

Mentres, o Grupo de Contacto sobre Venezuela acordaba enviar representantes ao país suramericano para negociar unha saída política que permita celebrar eleccións presidenciais. 

Mentres o país segue pendente do que suceda coa axuda humanitaria, a diplomacia busca unha saída urxente e pacífica á crise venezolana. A Unión Europea con representantes de oito países, entre eles España, e cinco de América Latina, reunidos onte en Montevideo, coinciden en que hai que propiciar un diálogo político para evitar a violencia, e que a situación pode ameazar a estabilidade mundial.

"Esta urxencia provén do empeoramento da situación, que corre o risco de desestabilizar toda a rexión e non só a rexión. Polo tanto, é fundamental evitar a violencia interna e a intervención externa e abrir o camiño para un proceso político crible que conduza a eleccións anticipadas", dixo Federica Mogherini, alta representante de Política Exterior da UE.

Nas últimas horas, o presidente Maduro firmaba unha carta aberta dirixida ao pobo dos Estados Unidos, en que pide pola paz e porque o Goberno Trump saque as mans de Venezuela.

"Nin con golpes fracasados nin con ameazas de intervención, nin con agresión diplomática, nunca xamais puideron nin poderán con nós", dixo Maduro.

Pero a administración Trump reitera que o tempo de diálogo con Maduro xa pasou e segue movendo ficha. O enviado especial para Venezuela, Elliot Abrams, anunciaba a revocación dos visados dos membros da que consideran "ilexítima" Asemblea Nacional Constituínte e pídelles aos países que interactúen, dixo, unicamente co Goberno lexítimo de Guaidó. E mentres, o almirante a cargo das forzas estadounidenses en América do Sur advirte de que os militares están preparados para protexer o seu persoal e as instalacións diplomáticas en Venezuela en caso de que sexa necesario.

 

Noticias web

08/02/2019