CRTVG

Buscar

Chega un novo temporal logo dunha semana de tregua

Publicado o 11/12/2019 14:54

Deixamos atrás o mes de novembro máis chuvioso da última década, pero as borrascas non deixan de azoutar Galicia ás portas xa da chegada do inverno. Un sistema frontal moi activo obrigará a activar os avisos esta mesma tarde entre A Costa da Morte e A Mariña. Pero o peor está aínda por chegar. Mañá será un día de temporal en toda a comunidade con moita chuvia, forte vento e grande altura de onda no mar.

"Teremos un día de ceo cuberto en toda Galicia e chuvia que será de certa intensidade. Nas provincias da Coruña e Pontevedra poderiamos superar os 40 litros por metro cadrado, sobre todo na provincia de Pontevedra", explica Alberto Romero, de Meteogalicia. 

A provincia da Coruña será unha das máis afectadas polo vento e a situación do mar. Esta mañá as máquinas traballaban arreo para reforzar a duna de Riazor, estragada xa polos continuos temporais deste outono, e ante a previsión de que as ondas poidan superar o paseo marítimo. Ademais, o Concello activou o dispostivo habitual nestes casos. Pecharase ao público a Torre de Hércules e os parques e xardíns e pídese precaución á hora de achegarse á costa. 

"A mala situación do mar será todo o día en todo o litoral. Nas Rías Biaxas as ondas serán máis baixas pero entre Ribadeo e A Guarda vai haber unha situación complicada. Vento no mar e precipitacións principalmente ao mediodía", asegura Alberto Romero.

O venres será aínda un día chuvioso, pero para a fin de semana irá mellorando a situación.

Noticias web

11/12/2019