CRTVG

Buscar

Chega a condución do futuro: o coche le os sinais de tráfico e frea só

Publicado o 16/04/2019 18:30

A partir de maio de 2022, todos os coches que se vendan na UE terán que levar un limitador de velocidade intelixente. Un dispositivo que sabe ler os sinais da estrada e que frea o coche automaticamente cando imos demasiado rápido.

O Parlamento Europeo aprobou hoxe a directiva que obriga a incluír este e outros nove equipamentos de seguridade nos coches. O obxectivo é reducir á metade o número de accidentes graves.

Así se conduce un dos poucos modelos que a día de hoxe ten control intelixente de velocidade. Non fai falta usar as mans. Detecta as raias da estrada e non sae do carril. Rexistra os sinais de tráfico e axusta a velocidade ao que marcan. Tamén detecta os coches que van diante para non chocar con eles, así que tampouco hai que frear.

Javier Espada Caneda, Galmotor Vilagarcía: "O coche garda a distancia co de diante. Entón, cando te vas achegando vai freando. Cando se afasta, acelera. Se para, tamén para. E cando o de diante arranca el tamén".

Os que o probaron din que conducir así é un pouco máis aburrido, pero tamén moito máis seguro. Os expertos cren que haberá un 20% menos de colisións e, sobre todo, moitísimas menos multas de tráfico.

Noticias web

16/04/2019