CRTVG

Buscar

Centos de vehículos mobilízanse polo peche da central das Pontes

Publicado o 01/10/2019 21:14

• Os organizadores cifran en 800 os camións, turismos e tractores que partiron dende As Pontes e colapsaron os accesos á Coruña, con 15 quilómetros de retencións

• Piden unha transición ecolóxica xusta e un plan de reindustrialización para a zona

Os organizadores falan de que participaron uns 800 vehículos na protesta. Entre eles había máis de 100 camións, algúns tractores e coches particulares, que saíron das Pontes cara á Coruña a primeira hora da tarde. A marcha dividiuse en dúas antes de chegar á cidade: parte da caravana fixo o percorrido pola Nacional VI e outra pola autoestrada AP-9, provocando atascos importantes na circulación, sobre todo no momento en que se achegaban á cidade da  Coruña. O lema era común e moi concreto: piden unha transición ecolóxica que non se cebe co emprego e que permita que a central térmica das Pontes siga operativa aínda que sexa sen utilizar o carbón.

Encabezaban a protesta os transportitas do carbón, un dos colectivos máis afectados pola paralización da térmica. Canda eles, compañeiros camioneiros e centos de particulares nos seus turirmos percorreron os máis de cen quilómetros que separan As Pontes da Coruña. Viaxaron xuntos ata Pontedeume, e desde alí dividíronse en dúas rutas: uns pola Nacional VI e outros pola autoestrada AP-9.

A súa presenza notouse especialmente á entrada da cidade da Coruña, onde confluíron de novo e provocaron retencións de ata quince quilómetros. Os manifestantes piden que se garanta o emprego nas Pontes, máis alá de que se deixe de producir con carbón.

Todos teñen a vista posta na xuntanza prevista este mércores en Madrid coa ministra de Transición Ecolóxica, da que agardan unha solución para garantir os milleiros de postos de traballo que están en xogo.

O alcalde das Pontes agarda que nesa xuntanza de mañá se concreten accións para salvar a central das Pontes. Desde o Partido Popular critican que o Goberno pretenda pechar a térmica sen buscar alternativas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Máis sobre as pontes de garcía rodríguez