CRTVG

Buscar

Centos de mortos por coronavirus en Nova York agardan en ducias de camións refrixerantes

Publicado o 06/05/2020 14:13

As autoridades de Nova York tiveron que adoptar medidas extremas para facer fronte aos milleiros de mortos que deixa o coronavirus na cidade e que colapsaron depósitos de cadáveres e funerarias. 

Situación completamente diferente vive Corea do Sur onde hoxe se deu por fianalizada a fase de distanciamento social.

Son varias ducias de camións refrixerantes os que conservan un número descoñecido de mortos por coronavirus.

Depósitos e funerarias están desbordadas e as autoridades de Nova York non tiveron máis remedio que facerse con estes camións que distribuíron ata en catro lugares distintos á espera de que os mortos poidan ser soterrados.

Esta madrugada entrou en vigor unha medida que non ten precedentes na cidade: o peche do metro entre a unha e as seis da mañá para a súa desinfección diaria.

"Canto vale unha vida?", preguntábase o gobernador da cidade para reiterar que a máis mobilidade, máis contaxios e máis mortos.

Pero o presidente Donald Trump, quen onte viaxou ata Arizona para visitar unha fábrica de máscaras protectoras, reiterou que é necesario reabrir o país.

A crise do coronavirus no mundo centrou tamén a audiencia xeral que o Papa celebra os mércores e na que lembrou que a pandemia non pode ser a escusa para a explotación laboral.

En Alemaña, Angela Merkel ultimaba hoxe cos territorios unha maior flexibilización das restricións. Aínda que segue sendo Corea do Sur a que vai máis adiantada na desescala xa que desde hoxe dá por rematada a fase de distanciamento social.


 

Noticias web

06/05/2020