CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Celebracións do Día de Rosalía

Publicado o 24/02/2018 14:56




Coa súa propia Alborada, de Cantares Gallegos, Rosalía recibía ao seu pé na alameda de Santiago a primeira homenaxe do día, da man do presidente da fundación que leva o seu nome.
A continuación a celebración trasladábase á capela do Hostal dos Reis Católicos, onde comezaba o repaso das súas letras coa lectura de poemas e prólogos que trouxeron a día de hoxe o reclamo dos dereitos das mulleres, a loita pola xustiza de quen menos ten, pola casa, pola terra e pola lingua.
"Rosalía de Castro foi unha persoa inmensa, unha poetisa de primeria orde que no S. XIX cando, como ela mesma dicía, era moi difícil como muller escribir e que puidese publicar, ela conseguiu ser un símbolo que hoxe medra. Desde o Colexio Rosalía de Castro de Moscú ata as liñas aéreas de Noruega téñena en conta para as súas proxeccións." Aseguraba Valentín García, Secretario de Política Lingüística.
A homenaxe continuou cun caldo de gloria, para unha celebración humilde, coma as que ela versou, daqueles quen non tiña frangulla que levar á boca.
"É unha figura universal e eu creo que iso é un valor que cómpre celebrar, con caldo de gloria e con alegría. Creo que o día de Rosalía é un día para celebrar que con ela naceu tamén para todos nós unha esperanza e unha ilusión, para Galicia. E con aquela picariña que se bautizou nesta capela hai 181 anos está viva, porque aquela ilusión e aquela esperanza continúan vivas." Dicía Anxo Angueira, o presidente da Fundación Rosalía de Castro.
E a Negra Sombra resoou no Panteón de Galegos Ilustres, onde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recitaron tamén a obra da escritora máis recoñecida da nosa literatura.