CRTVG

Buscar

Celaá dálle un mes a Murcia para quitar o veto parental antes de ir aos tribunais

Publicado o 20/01/2020 12:51

A ministra de Educación, Isabel Celaá, deulle un mes de prazo ao Goberno de Murcia para "restaurar a legalidade" e retirar o "veto parental" antes de que o Executivo recorra esta medida nos tribunais de Xustiza.

Nunha conferencia de prensa na localidade arabesa de Llodio para presentar o saneamento do Alto Nervión, a ministra referiuse á decisión do Goberno de Murcia -a proposta de Vox- de permitir aos proxenitores non autorizar a asistencia dos seus fillos a charlas e talleres extraescolares, o chamado 'pin parental'.

O Goberno enviou o venres un requirimento ao Executivo murciano para instalo a retirar unha medida que constitúe "unha censura previa, que vai mesmo contra a liberdade de cátedra". A día de hoxe non hai resposta a ese requirimento e Celaá entende que o prazo razoable para tomar medidas adicionais como a vía xudicial é dun mes.

A ministra lembrou, ademais, que foi a última reforma educativa, a chamada "lei Wert", impulsada polo entón Goberno do PP, a que limitou a capacidade de decisión dos pais nos consellos escolares, e reprochou ao presidente do PP, Pablo Casado, o seu "descoñecemento de como funciona o sistema educativo" en España. 

A delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, propón a aplicación do 155 para quitarlle a Murcia as competencias en Educación.

Podemos: Co veto parental quérese empezar a perseguir aos ensinantes

Podemos considera coa aplicación do 'pin parental' a dereita quere "empezar a perseguir ensinantes, igual que Bolsonaro" (presidente do Brasil), segundo o portavoz do partido, Rafa Mayoral.

O novo portavoz do consello de coordinación de Podemos, Rafa Mayoral, acudiu a un acto en Bilbao onde se lle preguntou pola proposta para que os pais dean o seu consentimento a actividades con contidos morais ou sexuais.

Segundo Mayoral, con este veto parental o que se busca é "empezar a perseguir ensinantes, como ocorreu co profesor que puxo un documental sobre a violencia machista (nun instituto de Baena, Córdoba) e puxéronlle unha querela nun xulgado. Hai que defender aos ensinantes, aos estudantes e a educación en dereitos humanos", concluíu.

Vox di que aplicarán a medida tamén en Andalucía. En Ciudadanos responden que alí non está incluída no pacto de goberno.

O Sindicato de Estudantes convocou folga xeral contra o pin parental o seis de marzo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí