CRTVG

Buscar

Catro novos casos na Mariña elevan a 22 os positivos na comarca

Publicado o 27/06/2020 14:48


A confirmación de catro novos casos positivos nas últimas horas na Mariña obriga a intensificar o rastrexo dos dous brotes na comarca e a investigar se hai relación entre eles: o primeiro caso localizouse o martes en Xove e arredor do seu círculo familiar detectáronse inicialmente 8 positivos, a maioría asintomáticos. A cifra elevouse posteriormente a once e ata onte á noite detectáranse outros sete casos en distintos lugares da Mariña, pendentes de confirmar se tiveran ou non vínculo co primeiro caso de Xove.
De todos eles neste momento hai só unha persoa ingresada no hospital de Burela, un home de 71 anos, que evoluciona favorablemente.

A Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva que activaron o protocolo deste brote continúan facendo probas nos círculos de achegados de todos os infectados. Entre eles están os integrantes de dous equipos de fútbol: a Sociedade Deportiva Burela e o Celta Barreiros. Moitos dos seus membros acudiron ao hospital nas últimas horas para faceren as probas aínda que non presentaban síntomas da enfermidade. Ata o momento fixéronse máis de 200 tests e desde onte detectáronse estes catro casos novos. Todos eles teñen a obriga de gardar corentena durante dúas semanas e aqueles que deron resultados negativos tamén deben permanecer en seguimento nas súas casas.

De momento a Consellería de Sanidade non confirmou a orixe deste brote, e investiga se se trata dun caso importado como o da fin de semana pasada na Barbanza, que xa se deu por controlado con nove positivos.
En total, nas últimas horas o número de casos activos reduciuse en Galicia a pesar deste brote porque se rexistraron 16 altas de persoas que pasaban a enfermidade. En total hai 308 casos activos, dos que permanecen 4 ingresados nos hospitais.

Noticias web

27/06/2020