CRTVG

Buscar

Catro detidos en Galicia e Madrid por distribuír moeda falsa

Publicado o 01/03/2021 11:46
Catro detidos en Galicia e Madrid por distribuír moeda falsa

A Policía Nacional detivo un total de catro persoas en dúas operacións distintas contra a distribución de moeda falsa levadas a cabo en Galicia e Madrid.

A primeira tivo lugar na provincia da Coruña, onde arrestaron dúas persoas que están a ser investigadas por ingresar billetes falsos de 100 dólares estadounidenses en entidades bancarias. Deste xeito, conseguían obter moeda lexítima. 

A investigación comezou en outubro de 2020 cando a Policía detectou varios ingresos en sucursais bancarias de diferentes entidades. En total, identificaron 43 billetes falsos que sumaban 4.300 dólares introducidos sempre a través do portelo. A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

No canto á intervención de Madrid, os dous detidos eran os supostos integrantes dunha rede de compravenda de terminais telefónicos de alta gama. Segundo a Policía Nacional, mercaban os aparellos con billetes falsos de 50 euros que logo vendían en tendas de segunda man.