CRTVG

Buscar

Cataluña supera a barreira dos mil casos e nova repunta en Euskadi

Publicado o 16/08/2020 21:25

A semana remata cun incremento preocupante de casos en distintas comunidades, con máis de 800 gromos activos en todo o territorio estatal. Cataluña anunciaba este domingo 1.044 novos casos de contaxio e 13 falecidos. Pero aínda que o dato é moi preocupante, Aragón triplica, nas últimas dúas semanas, o número de positivos con respecto a Cataluña por cada cen mil habitantes.

En Euskadi os casos seguen aumentando con forza. O Goberno vasco comunicaba hoxe 610 novos contaxios, superando amplamente a barreira dos cincocentos, que fixaba como límite crítico. Mentres, Andalucía informaba de 455 novos positivos e dun aumento das hospitalizacións.

En Madrid comezaba hoxe o cribado masivo con probas PCR nos barrios máis castigdos, seguindo o exemplo de Barcelona. Os primeiros controis foron en Carabanchel, pero non todos amosaban disposición a facer os test.

Os médicos madrileños piden reforzos nesta fase crítica: "Está, probablemente, habendo contaxios comunitarios que non detectamos e que van producir unha repunta moi brusca que xa se está comezando a ver", sinala o presidente do Colexio de Médicos de Madrid, Miguel Ángel Sánchez Chillón.

Murcia, que está a vivir unha repunta con 140 novos positivos, tivo que intervir nas últimas horas esta residencia de menores. Está situada na localidade de Alguazas e deron positivo 17 dos 23 usuarios do centro, así como 7 traballadores.

As comunidades comezaron a poñer en marcha, desde este domingo, as medidas restritivas propostas polo Ministerio de Sanidade. Nalgún caso, como en Cantabria, mesmo van máis aló: incrementan a distancia a 4 metros para os que fumen na proximidade de nenos, maiores de 65 anos ou, o que é máis difícil de detectar, persoas vulnerables ao coronavirus.


 

Noticias web

16/08/2020