CRTVG

Buscar

Cataluña e Baleares multarán por ir sen máscara, pero non será obrigatoria na praia

Publicado o 09/07/2020 10:34

Baleares imporá o uso obrigatorio de máscaras en todos os espazos públicos e de acceso público, sen importar se se pode respectar a distancia de seguridade sanitaria. Iso si, exceptúase o seu uso en praias, piscinas, cando se estea consumindo comida ou bebida ou se practique deporte.

Este cambio na regulación do uso das máscaras publicarase mañá venres ou o sábado no Boletín Oficial de Baleares, segundo informaran fontes da Conselleria balear de Saúde. 

A decisión prodúcese despois de que o pasado mércores o Servizo balear de  Epidemioloxía informase de novos brotes con 56 contaxiados en Baleares, un en Eivissa e o resto en Mallorca, onde se detectaron tres novos na última semana. 

Baleares seguirá así o exemplo de Cataluña, que este xoves publica a resolución da Generalitat que establece a obrigatoriedade do uso de máscaras nos espazos públicos ou de uso público, exista ou non distancia de seguridade.

Cataluña multará por ir sen máscara, pero non será obrigatoria na praia

Fóra de Galicia, Cataluña e Aragón concentran o maior numero de rebrotes. A Generalitat declarou obrigatorio o uso da máscara na vía pública a partir de hoxe. Quen non a leve será sancionado con cen euros. Desde Italia, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez,  asegura que "non hai risco cero e que hai que aprender a vivir coa Covid-19".

Cataluña multará con cen euros a quen non leve máscara a partir deste xoves. 

A norma xeral, di a conselleira catalá de Saúde, "é que todo o mundo saia da casa coa máscara vaia a onde vaia".

O obxectivo, segundo a Generalitat, é combater a relaxación e evitar novos rebrotes, agora que preocupa cada vez máis a situación da comarca do Segriá. De momento descartan o confinamento domiciliario da veciñanza.

Tamén o Goberno vasco impuxo a máscara obrigatoria en todas as circunstancias e durante 8 dias en Ordizia, despois de constatar que o foco segue medrando

A día de hoxe hai 48 positivos, segundo a conselleira do Goberno vasco.

É a primeira medida deste calibre que se toma en Euskadi durante a pandemia e acompaña outras restricións que afectan a ocupación dos locais de hostalaría.

Aragón é outra das comunidades máis afectadas polos rebrotes. Nas últimas horas rexístráronse 9 positivos na aldea de Alacón, en Teruel, entre membros da mesma familia

Segundo o alcalde de Alacón, contaxiáronse doutros familiares que chegaron de Lleida. Asegura que non teñen medo, pero si están preocupados porque hai moitos maiores que poden contaxiarse.

O medo e a preocupación son razoables, pero hai que aprender a convivir co virus. É a mensaxe que lanzaba este mércores o presidente do Goberno

"Calma e tranquilidade, seguridade... Non baixemos a garda, pero confiemos tamén nun sistema de saúde que hoxe está moito mais preparado que hai uns meses para conter a pandemia", di Pedro Sánchez.

Non hai risco cero. O que máis se asemella é o uso da máscara e manter a distancia social.

 

Noticias web

09/07/2020