CRTVG

Buscar

Cataluña e Ordizia fan a máscara obrigatoria haxa ou non distancia de seguridade

Publicado o 08/07/2020 15:06

En canto á situación no conxunto de España, produciuse unha repunta nos contaxios.

O número de novos casos diagnosticados nas últimas 24 horas ascende a 124. Nas últimas horas rexistráronse 4 mortes pola Covid-19. E as autoridades toman medidas para acoutar eses brotes. A Generalitat  catalana, por exemplo, xa anunciou algunhas novas.

Dos 67 brotes de coronavirus que permanecen activos, 14 concéntranse na comarca ilerdense do Segrià cun milleiro de contaxios diagnosticados nos últimos quince días.

Boa parte deles están relacionadas con empresas de froita e verdura, un traballo que acumula gran cantidade de persoal en lugares reducidos con alto risco de contaxio.

As autoridades sanitarias confirmaron un novo brote na localidade tarraconense de Alcanar con orixe nunha festa de mozos.

Hai tres positivos e estase facendo seguimento a 34 persoas que estiveron en contacto con eles.
A partir de mañá será obrigatorio o uso da máscara en todo momento en Cataluña, unha medida que o Goberno vasco aplicou en Ordizia para frear a expansión do brote detectado nesta localidade guispuscoana con 48 positivos.

Hai 2 casos máis relacionados co este foco no concello veciño de Idiazábal.

"É previsible que aumente o número, pero un número de persoas que están xa en illamento e un número de persoas que as detectamos na fase máis precoz da enfermidade", dixo Nekane Murga, conselleira de Saúde de Euskadi.

En Málaga, un brote detectado en Ronda mantén en corentena unha trintena de persoas, residentes e persoal dun xeriátrico que estiveron en contacto cun ancián falecido por coronavirus.

Noticias web

08/07/2020