Castells pídelles aos reitores que escoiten as queixas dos estudantes polos exames presenciais
Medra a tensión entre o ministro de Universidades e os reitores, á conta das imaxes publicadas por estudantes en que se ven aglomeracións nos exames presenciais de xaneiro.
En conferencia de prensa, Manuel Castells fixo un chamamento de responsabilidade aos decanos e os reitores de todas as universidades españolas "a que, por favor, escoiten os seus estudantes e non pensen que inventan as imaxes que están enviando aos medios de comunicación".
Insiste Castells en que os exames se fagan telematicamente porque, asegura, "a prioridade é a saúde, a saúde, non estamos en calquera situación".
A Conferencia de Reitores acusa o ministro de xerar alarma e facer populismo á conta de incidentes illados que foron corrixidos de inmediato. Aseguran que as universidades son lugares seguros, onde non se rexistran gromos, e avogan polos exames presenciais.
Esa é a postura do reitor da Universidade de Vigo porque, opina, "xa non quedan moitos exames e as medidas de seguridade son bastante estritas". Coincide tamén Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña. Cre que non sería "xusto" cambiar neste momento o formato de exames "porque, entre outras cousas, non se pode cambiar dun día para outro". Para Xavier Ferreira, xerente da Universidade de Santiago, "manter os exames presenciais neste momento é garantía de calidade e o volume de alumnos que teñen que examinarse é limitado".
Aínda así, o ministro contactou coa titular de Sanidade para que na Interterritorial desta tarde se lles pida informes ás comunidades autónomas. Tamén convocou unha reunión con todos os conselleiros do ramo.